A Xunta toma as rendas da prohibición do 'botellón': Cales serán as novas restricións?

Julio García Comesaña e Alfonso Rueda, esta quinta feira (Foto: David Cabezón / Xunta).
A futura lei equiparará a efectos de venda e publicidade as bebidas enerxéticas co alcol, así como os vapeadores e cigarros electrónicos co tabaco.

A futura lei que prohibirá a venda de bebidas enerxéticas e os vapeadores a menores de idade -nunha normativa específica de protección de saúde das persoas menores e prevención de condutas aditivas- arrincou esta quinta feira a súa tramitación tras levar a Consellaría de Sanidade ao Consello da Xunta da Galiza o borrador da lei, que agora se exporá ao público para recibir suxestións e alegacións e outras posíbeis incorporacións.

A normativa ademais amplía as restricións para evitar os fumadores pasivos, de maneira que se estabelece a prohibición de fumar nunha distancia de 50 metros en todos os sentidos de marquesiñas de autobuses, piscinas e centros administrativos e docentes.

Na rolda de prensa posterior á reunión do Goberno galego, compareceron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o titular da carteira sanitaria, Julio García Comesaña, que deron algúns detalles de estar normativa e que se pretende que entre en vigor en 2024 (aínda que tardará polo menos algúns meses entre a exposición pública e a súa chegada ao Parlamento da Galiza).

A futura lei equiparará a efectos de venda e publicidade as bebidas enerxéticas co alcol, así como os vapeadores e cigarros electrónicos co tabaco, o que supón, por exemplo, que non se poderán vender en recintos deportivos. Ao tempo a normativa afondará nas prohibicións referentes ao botellón, cuxas sancións pasan a mans da Administración galega, en lugar dos Concellos, ademais de dar a capacidade á Xunta para sancionar as entidades locais.

A futura normativa estabelece a prohibición do consumo e da venda de bebidas enerxéticas a menores de idade, de maneira que se exixirá o Documento de Identidade para a venda e non se permitirá a súa comercialización en máquinas expendedoras (porque non se pode garantir a idade). En canto a espectáculos deportivos ou dirixidos a menores, ou recintos con moita presenza de menores, estarán restrinxidas e non poderán patrocinar eventos dirixidos ás persoas que teñen menos de 18 anos. Tamén terán un lugar específico identificado nos lugares de venda.

En canto á prohibición do 'botellón', o que fará esta nova lei será atribuír á Administración autonómica a capacidade de sancionar (á xefatura territorial) esta práctica, potestade que tiñan os Concellos. Comesaña indicou que non se descarta actuar sobre os videoxogos e o uso do teléfono móbil en menores de idade até a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) nos centros. Ademais. prohíbese a venda de todo tipo de produtos que conteñan cannabis e o acceso de menores a estabelecementos que vendan produtos vinculados.

O texto inclúe un apartado de sancións correspondentes a cada tipo de infracción, aínda que as leves ou graves pódense substituír polos correspondente programas preventivos ou asistenciais da Consellaría de Sanidade -a través das unidades de prevención de condutas aditivas en Concellos ou asociacións-.

Así, unha persoa que fume onde non está permitido exponse a unha sanción que pode chegar a 601,01 euros no seu grao mínimo ou ser conmutada por cursos para deixar de fumar ou eliminar o hábito de consumir alcol en botellóns. No caso de persoas ou estabelecementos que permitan o consumo de substancias prohibidas para menores ou fumar en lugares prohibidos poden ser sancionados coa suspensión de subvencións públicas de Concellos ou da Administración galega.

Ademais da distancia dos 200 metros sobre centros docentes de menores, tampouco estará permitida a publicidade destes produtos equiparados a alcol e tabaco nas portadas ou contraportadas de revistas, libros ou folletos. Nos folletos que conteñan no seu interior ofertas ou promocións de bebidas alcohólicas en supermercados galegos, o anuncio deberá incorporar un código que remita a unha web da Xunta con mensaxes informativas para previr o seu consumo. Como excepción, as limitacións non serán aplicables a festas declaradas de interese turístico.