A Xunta ten despregados nos concellos máis afectados polo lume 538 brigadistas de 7.000 efectivos dispoñíbeis

Incendio no Barco de Valdeorras. (Foto: Europa Press)
Arderon xa 22.260 hectáreas.

A Consellaría de Medio Rural emitiu ás 8 horas desta cuarta feira o reconto matinal de hectáreas calcinadas e efectivos desprazados para levar a cabo as tarefas de control e extinción dos incendios que afectan a Galiza.

Segundo o último parte do Goberno galego, nos concellos do Courel, Valdeorras e zona norte da Raia están desprazados un total de 538 brigadistas dos 7.000 dispoñíbeis, segundo asegurou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, en rolda de prensa o 14 de xullo. Hoxe son en total, contando o persoal das motobombas, helicópteros e outros medios, uns 1.600 profesionais.

Así, 7,69% da dotación de brigadistas no país atópase agora mesmo traballando para controlar 11 focos, repartidos polos concellos de Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Cervantes, Palas de Rei, Quiroga, Antas de Ulla, Carballeda de Valdeorras, Oímbra e Vilariño de Conso.

No día de onte, o presidente galego optou por saír ao paso das críticas da veciñanza das zonas afectadas sobre a ausencia de medios. A este respecto, afirmou que hai “moitísimos medios sobre o terreo” e "máis de 1.000 efectivos traballando, 100 motobombas, 20 pas e 30 medios aéreos”.

22.260 hectáreas calcinadas

Cando se vai cumprir unha semana do comezo desta vaga de incendios, arderon xa na Galiza un total de 22.260 hectáreas, entre terreos forestais e núcleos rurais de poboación.

Os concellos máis afectados seguen a ser Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón e Carballeda de Valdeorras. Entre os tres suman 16.600 hectáreas arrasadas, máis de 700 persoas desaloxadas e o nivel 2 de alerta pola proximidade das lapas aos domicilios de moitas parroquias.

Pola súa parte, o incendio de Vilariño de Conso, especialmente preocupante para as autoridades polo seu impacto no Parque Natural do Invernadoiro, permanece activo e calcinou xa un total de 3.500 hectáreas.

Oímbra é outro dos concellos que conta con maior extensión de terreo queimada. En total, os tres focos que a esta hora seguen activos suman 1.500 hectáreas. A orixe deste lume estivo nos incendios que afectan Portugal, e na terza e cuarta feira desprazáronse tamén até as parroquias de Feces de Cima e Mandín, en Verín.