A Xunta ten competencias para impor as FFP2

Unha profesora dando unha clase cunha máscara FFP2. (Foto:Óscar Cañas/Europa Press)
A CIG-Ensino esixe máscaras FFP2 para o persoal que presenta condicións vulnerábeis de saúde ou que ten contacto máis directo co alumnado desprotexido.

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, vén de pedir un acordo ao Goberno do Estado para impor o uso de máscaras FFP2 “en determinados contextos”, o que a CIG-Ensino considera que é “un escándalo de proporcións enormes xa que el mesmo podería comezar por dar exemplo e facilitarllas a boa parte das traballadoras e traballadores da Xunta”. 

O sindicato denuncia que Feixoo ten “plenas competencias para decretar, entre o persoal que presenta condicións vulnerábeis de saúde propia ou que ten un contacto máis directo co alumnado desprotexido, o uso destas máscaras”. Ademais, consideran que a Xunta non pode “escatimar en material de protección efectivo para o seu persoal” e alude a outros territorios nos que se decretou o uso de máscaras FFP2 durante os primeiros días da volta ás aulas tras o Nadal. 

Por outra banda, a CIG-Ensino explica que ten “constancia de que hai direccións, segundo indicacións da Inspección, que están a pór trabas para que o profesorado que ten crianzas confinadas por ser contacto estreito de persoas positivas poidan exercer o seu deber de garda legal”.

O secretario nacional do sindicato, Suso Bermello, recalca que “nunca se debería obrigar unha traballadora ou traballador, do sector que sexa, a acudir igualmente ao seu posto de traballo antes de que se descarte calquera posibilidade de contaxio e é preciso garantir o seu deber e o seu dereito de custodia de fillos e fillas e familiares ao cargo”. 

Bermello lembra que “existe unha fórmula, que se empregou ao longo do primeiro trimestre, que era a declaración xurada que eximía de acudir ao posto de traballo mentres a persoa a cargo non finalizase a corentena preventiva ou mentres tivese resultado negativo de PCR.

Nestes momentos é preciso que a Administración garanta ao máximo posíbel permanecer nos domicilios ante a mínima sospeita de contaxio e facilite o deber de custodia legal familiar”.

Bermello amosou a súa contrariedade coas instrucións que están a dar desde as inspeccións de cara á posibilidade ou non de exercer a docencia telemática para o profesorado de Conservatorios, Escolas de Idiomas e Escolas de Artes e Deseño e centros de ensinanzas deportivas, despois de que Dirección Xeral asegurase de que se ía dar flexibilidade.