A Xunta subvenciona a escola privada cunha media de 687.000 euros diarios

Desde o exercicio 2013 a cantidade destinada á privada foi aumentando progresivamente (Foto: Ministerio de Educación / Nós Diario).
Cada día van de media 687.000 euros da Xunta da Galiza para a escola privada. Unha cantidade que, segundo os exercicios, varía entre 10% e 14% do orzamento total para ensino que ten a Administración pública. Desde 2010, a cifra pagada a centros de ensino privados supera os 2.800 millóns de euros.

2.800 millóns de euros dos orzamentos públicos do ensino na Galiza foron destinados entre 2012 e 2022 á privada, unha cantidade que nutre os convenios e acordos de ensino concertado. Son datos dispoñíbeis nos informes de gasto público en concertos e subvencións ao ensino privado do Ministerio de Educación e Formación Profesional, e que permite coñecer canto destinan as Administracións (estatal, autonómica) a este concepto. O que destina a Xunta da Galiza nesa década móvese entre os máis de 300 millóns de euros ao ano en 2020, 2021 e 2022 e os pouco máis de 231 millóns que destinou en 2013. 

Os informes do Ministerio tamén permiten coñecer como entre  2017 e 2020, a cifra destinada a concertos coa privada en educación Infantil e Primaria na Galiza foi duns 670 millóns de euros. 

Na Galiza hai 1.646 centros de ensinanza non universitaria —educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e ensino Especial—do cales s1.227 son públicos e 419 de titularidade privada. O sistema educativo galego ten 401.000 alumnos e alumnas, dos que estudan na privada e concertada 108.000, 25% do total, un de cada catro.

Feche de 13% dos centros da rede de ensino público

Entre 2009 e 2021 fecharon 13% dos centros que integran a rede pública galega de ensino —163— mentres que nese mesmo período só tivo que botar o fechamento 6% dos da rede privada —18 colexios menos—. Esta, a privada, ten, logo, após pasar a década, un peso maior no conxunto do ensino na Galiza que antes da volta ao poder do PP na Xunta en 2009.

Son datos do Consello Económico e Social (CES), que apuntan como este fechamento de centros de ensino afecta fundamentalmente os centros que imparten educación Infantil, con 109 menos. 91% do total de centros de educación infantil fechados en dito período son de titularidade pública.

Tamén cómpre salientar a perda no número de centros que imparten educación Infantil e Primaria, que pasaron de 683 no ano 2008 a 638 en 2021, 45 menos; os centros de titularidade pública redúcense en 49, mentres que nese tramo dáse un incremento de catro novos centros de titularidade privada.

Peso da relixión

No último curso 227 escolas teñen subscritos concertos educativos coa Administración galega, cuxo custo total achégase aos 300 millóns de euros (12,2% do orzamento total de Educación, excluíndo a universidade). 112 das 227 con concerto son escolas cun marcado carácter relixioso, isto é, practicamente unha de cada dúas. Nove escolas privadas galegas están controladas —ou teñen vínculos estreitos— polo Opus Dei.

Delas, cinco son concertadas: Aloia, As Acacias e Montecastelo, en Vigo, e Peñarredonda e Montespiño, na Coruña. Estes cinco centros segregan o alumnado por sexo e só aceptan nas súas aulas homes, como é o caso do CPR Montecastelo, ou mulleres, como o CPR As Acacias.

Uns centros cada vez máis"segregadores" na procedencia do alumnado

Case unha de cada dez das estudantes dos centros privados españois proceden de familias en condicións socioeconómicas 'menos favorábeis', unha cifra que na Galiza cae a case cero, a máis baixa de todo o Estado, segundo un estudo elaborado polo Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE).

Na Galiza, 55,15% do alumnado dos centros privados é de 'contorna media' e 44,85% procede da 'máis favorábel'. A media no Estado é de 65% de procedencia máis favorecida, 27% desa contorna 'media' e 8% da 'menos favorábel'.  

Así, de cada 100 alumnas e alumnos que no Estado cursan o ensino privado, oito proceden dun ambiente con circunstancias socioeconómicas 'menos favorábeis'. Na Galiza, porén, esa porcentaxe é 0%.