A Xunta subcontrata o rastrexo por 13,8 millóns anuais

Servizo de rastrexadores (Ricardo Rubio / Europa Press)

A empresa ABAI Group resultou adxudicataria do primeiro contrato licitado pola Xunta para a xestión dun sistema estábel de seguimento de casos e contactos positivos por Covid-19. O contrato estabelece un custo total estimado polo servizo de 13,8 millóns de euros anuais.

ABAI Group, empresa española provedora de servizos externos relacionados cos procesos de negocio, resultou adxudicataria do primeiro contrato licitado pola Xunta da Galiza para a xestión dun sistema estábel de seguimento de casos e contactos positivos por Covid-19. Foi o pasado 11 de marzo, un ano despois de iniciar a pandemia, cando o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, anunciou a licitación deste primeiro contrato para o rastrexo. Argumentou daquela que o rastrexo dun caso "sen complexidade" estaba a custar ás arcas públicas 25,79 euros e, "se é con complexidade", o gasto chegaba a 29.

Así, este 2 de agosto a empresa ABAI informou nun comunicado de prensa do contrato licitado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) "estabelece un custo total estimado polo servizo de 13,8 millóns de euros anuais" e, engade, aboarase posteriormente en función do número de servizos efectivamente prestados.

ABAI  Group operará este servizo a través da súa empresa subsidiaria Extel, compañía que integrou hai un ano e medio na súa estrutura tras a súa adquisición ao grupo Adecco, puntualizou.

"Despois desta adquisición, ABAI  Group abriu unha nova etapa marcada pola estabilidade e o crecemento, que se sustentou nunha política de fortes investimentos en tecnoloxía e solucións dixitais para mellorar a xestión dos seus equipos", sinala a empresa no comunicado.

A compañía afirma que entregou ás e aos seus traballadores "os equipos informáticos necesarios" para o desenvolvemento da súa actividade laboral e, puntualiza, "de maneira diferencial, estes veñen percibindo desde o pasado mes de marzo de 2020 a compensación polos gastos derivados do teletraballo".

Ademais ABAI  Group subliña no seu comunicado que "logrou implantar un novo clima laboral, deixando atrás a etapa de conflitos xudiciais que arrastraba a compañía  Extel até o momento de ser adquirida". Extel saltou á palestra pública o ano pasado por un conflito laboral denunciado pola CIG por despedimentos de traballadores en baixa médica e, por, segundo acusou a central sindical naquela altura, "tentar boicotear unha folga do cadro de persoal anunciando que sortearía 4 tarxetas de 100 euros entre todas as traballadoras e traballadores que non se ausenten do seu posto” no marco da greve.