Galiza inaugura a fin do estado de alarma

(Arxina)

O Goberno estatal acepta a petición realizada oficialmente esta sexta feira polo Executivo galego e o día 15 entra na denominada "nova normalidade".

Galiza sae do estado de alarma o 15 de xuño, a segunda feira. O primeiro territorio do Estado en dar este paso. O Goberno galego solicitou hoxe oficialmente ao Executivo español o levantamento do estado de alarma na Galiza a partir do día 15 e este deu o seu acordo. “Cumprimos todos os requisitos”, manifestou Núñez Feixoo esta sexta feira após o Consello da Xunta. O presidente galego considera que a situación epidemiolóxica permite dar por superada a Fase 3. 

"Galiza abandonará a tutela do estado central e meterémonos no que o Goberno español chama nova normalidade", dixo Feixoo. O presidente galego anunciou que este sábado o DOG publica unha serie de medidas e normas para esa fase. Medidas que complementarán as fixadas no real decreto aprobado polo Executivo estatal. 

Esa publicación no DOG constará de tres capítulos, avanzou o mandatario: un centrado nas medidas de hixiene e desinfección, outro sobre a capacidade (como regra xeral amplíase até 75%) e un terceiro no que "decaen as limitacións de todos os dereitos fundamentais" limitados durante o estado de alarma.

Feixoo incidiu en que a fin do estado de alarma non significa "abrir Galiza a outras comunidades en situación epidemiolóxica peor", senón a aquelas que están "igual". Por iso, apuntou, non pode haber "mobilidade" entre Castela e Galiza mentes o territorio castelán non saia do estado de alarma. 

Porén, advertiu que saír do estado de alarma non supón a fin do coronavirus, e advertiu sobre a posibilidade de "riscos de rebrote", polo que hai que estar alertas. 

Aínda que o Executivo galego aínda "ultima" estas medidas, que publicará este sábado o DOG e que entrarán en vigor a segunda feira, Feixoo incidiu en que se mantén a "obrigatoriedade de medidas de hixiene e prevención" á hora de realizar diversas actividades e incidiu con especial intensidade na distancia de seguridade de metro e medio, e o uso de máscara cando non sexa posíbel.

A Xunta promoverá o pago con cartón de crédito e articulará medidas específicas para centros comerciais, establecementos comerciais, recintos deportivos, lugares de culto ou piscinas, entre outros, e ampliará os aforamentos, aínda que sempre cumprindo coa distancia de seguridade predeterminada ou coa obrigación de levar máscara se facelo non fose posible.

No caso dos velorios, explicou que se subirá a capacidade a un límite de 60 persoas en espazos abertos, e de 30 en espazos pechados. Ademais, a comitiva fúnebre poderá estar integrada por un máximo de 75 persoas.

O aforamento subirá a un 75% "en boa parte dos establecementos regulados como locais e centros comerciais" (agora estaba a 50%); mentres que as zonas comúns dos centros comerciais pasarán dun aforamento permitido do 40 a 50%.

No caso de bares, restaurantes, hoteis e aloxamentos turísticos o aforamento tamén pasará do 50 a 75%, salvo nas terrazas, que se elevará até o 80% (agora o límite era do 75%).

Así mesmo, regularase a presenza de persoas en museos, recintos deportivos ou piscinas, por exemplo. O aforamento será do 75%, cun límite de 300 persoas en recintos pechados e mil en espazos abertos.

Os parques infantís ao aire libre poderanse utilizar, coas correspondentes medidas e protocolos de hixiene; pero "por precaución" os que estean en instalacións pechadas non se abrirán aínda. "Veremos nas seguintes semanas que pasa co resto", destacou o xefe do Executivo galego.