A Xunta só delimita 81 hectáreas como perímetros de "alto risco de incendio"

Bombeiros sufocan un incendio en Navia de Suarna, o pasado ano (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
O pasado ano arderon perto de 15.000, máis que en 2018 e 2019 xuntos.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) recolleu nesta sexta feira a resolución da Consellaría do Medio Rural pola que se delimitan os perímetros de alto risco de incendio (PARI), unha figura de protección que ten por obxectivo anticiparse aos lumes forestais axeitando as infraestruturas preventivas e a rede de faixas de xestión de biomasa situadas nas inmediacións das vivendas.

O departamento que dirixe José González explicou, a través dun comunicado, que a declaración como PARI faise no marco do acordo de colaboración asinado en 2018 entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública de Servizos Agrarios Galegos (Seaga), en materia de prevención e defensa contra os incendios.

O convenio valora a posibilidade de que os concellos poidan desenvolver actuacións de xestión de biomasa nas vías de titularidade municipal até un máximo de dez quilómetros por localidade e ano.

Dentro do treito estabelecido en cadanseu perímetro, as actuacións consistirán na xestión da vexetación mediante a roza e supresión de especies que contribúen ao espallamento dos lumes como os piñeiros, os eucaliptos ou as acacias. Incluirase, así mesmo, a recollida e eliminación dos restos do rozado.

Unha vez declarado un espazo como PARI, as persoas titulares das parcelas afectadas ou dos dereitos de aproveitamento disporán dun prazo de 30 días naturais, a contar desde o día seguinte á recepción da notificación, para realizar os traballos de prevención.

En caso contrario, as actuacións decorrerán no ámbito do convenio, sen que as e os titulares teñan que asumir os custos. Desde Medio Rural salientan que esta medida pretende "conseguir os obxectivos fixados no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais da Galiza (Pladiga) do ano 2021".

81 hectáreas delimitadas en oito municipios

Nesta primeira declaración, o Goberno galego prevé senllas actuacións en Bergondo —7,89 hectáreas (ha) delimitadas como PARI—, Campo Lameiro —7,75 ha—, Carballeda de Avia —11,82 ha—, Carballeda de Valdeorras —11,89 ha—, Carnota —11,57 ha—, Crecente —11,91 ha—, Navia de Suarna —11,96 ha— e Pantón —6,57 ha—.

Suman, en total, 81,36 hectáreas de terreo forestal. Cómpre lembrar que en 2020 arderon na Galiza perto de 15.000 hectáreas, máis que a suma da superficie calcinada nos dous anos precedentes.