A Xunta pedirá ao Ministerio de Sanidade reducir de sete a cinco días a corentena pola Covid

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. (Foto: Pedro Dávila/Europa Press)
O Executivo galego segue a apostar pola autodiagnose no canto de reforzar a Atención Primaria.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou na segunda feira que o Goberno galego ten pensado instar o Ministerio de Sanidade que reduza de sete a cinco días o tempo de corentena dos doentes que dean positivo nunha proba de SARS-CoV-2, unha proposta que xa foi remitida a semana pasada á Comisión de Saúde Pública.

O titular da carteira de Sanidade indicou que a corentena só poderá rematar cando o infectado conte cun test de antíxenos negativo. Neste sentido, a Xunta segue a apostar pola autodiagnose no canto de reforzar a Atención Primaria, a pesar de que o propio Comesaña recoñeceu que as probas de autodiagnóstico teñen unha fiabilidade moi alta ao ofrecer resultados positivos por Covid mais non tan alta cando dan negativo.

O conselleiro afirmou que "o volume de casos que temos (a Galiza) é suficiente para deseñar unha abordaxe diferente". Preguntado pola fiabilidade e validez dos autotest, preferiu matizar que, aínda que si valerían para rematar coa corentena no caso de obter un negativo, "habería que valorar as condicións" de cada un deses resultados.

En decembro de 2021, o período de illamento xa foi reducido dos dez aos sete días, despois de que a Comisión de Saúde Pública o acordase "por unanimidade". Naquel momento, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, afirmou que "se podemos estar sete días corentenados, non debemos estar dez".

Incorporación de médicos como técnicos de saúde

Comesaña tamén informou da intención do Goberno galego de incorporar persoas tituladas en Medicina que non contan coa proba de Médico Interno Residente (MIR) como técnicas de saúde na Atención Primaria.

A Consellaría de Sanidade agarda que estas incorporacións teñan lugar antes do 15 de febreiro, unha vez remate de procesar todas as solicitudes.

O conselleiro xustificou esta medida como un intento de abordar a "sobredemanda", e afirmou que "estes médicos incorporaríanse facendo funcións semellantes ás que realizan os 86 jubilados que temos agora para echa axudar aos médicos de primaria sobre todo nos trámites administrativos, que son sanitarios pero relacionados sobre todo coas baixas, as peticións de probas ou o seguimento dos casos nos domicilios".

Novas medidas

 Na reunión de hoxe entre as autonomías e o Ministerio de Sanidade, o Consello Interterritorial de Saúde acordou a supresión da obriga do uso da máscara no exterior, aínda que seguirá a recomendarse o seu uso cando non se poida respectar a distancia de seguridade e no caso de que se produzan aglomeracións.

Asemade, na reunión aprobouse elevar a capacidade nas competicións deportivas profesionais de fútbol, baloncesto e outros eventos multitudinarios. En recintos abertos, pásase de 75% a 85% da capacidade de público, mentres que en eventos fechados muda de 50% a 75%. Ámbas as dúas medidas entrarán en vigor a vindeira quinta feira.