A Xunta saca a concurso unha licenza para unha televisión privada de ámbito galego

O DOG publicou esta segunda feira o acordo adoptado polo Consello da Xunta en outubro e que non se deu a coñecer daquela.

 

O Diario Oficial de Galiza (DOG) desta segunda feira recollía no apartado de ‘Outras disposicións’ unha resolución asinada pola secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez, pola cal se publica o acordo do 21 de outubro de 2021, do Consello da Xunta, “polo que se aproban as bases que rexen o concurso público para o outorgamento dunha licenza para a prestación do servizo de comunicación audiovisual televisiva de ámbito autonómico e titularidade privada, e se procede á súa convocatoria”.

O Consello da Xunta de 22 de xullo de 2005 acordara outorgar unha adxudicación provisional da concesión do servizo público de televisión dixital de cobertura autonómica no ámbito territorial da Galiza a La Voz de Galicia, S.A, que constituíu, para a súa xestión, a sociedade Medios Digitales de Galicia, S.A., recoñecida como titular da adxudicación provisional por Resolución do 15 de setembro de 2010.

Medios Digitales de Galicia, S.A.U. solicitou a renuncia da licenza e o Consello da Xunta aceptou a dita renuncia e declarou a extinción da licenza para a prestación do servizo de comunicación audiovisual televisiva de ámbito autonómico mediante Acordo do 19 de decembro de 2019.

A licenza outorgarse por un prazo de quince anos, “renovábeis”

Polo tanto, sinalan no DOG, “tendo en conta que na actualidade está vacante a licenza e dispoñíbel a frecuencia para ser explotada mediante xestión indirecta, a través de persoas físicas ou xurídicas na Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto na Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual, procede convocar un novo concurso para outorgar esta licenza”.

Nas bases da convocatoria establécese que “fican fóra do ámbito deste concurso os servizos de comunicación audiovisual televisiva comunitarios sen ánimo de lucro”, así como que a licenza se outorga por un prazo de quince anos, “renovábeis”.

Tamén se establece que  ten que “emitit 32 horas semanais de programas orixinais, como mínimo, fomentando a difusión de servizos televisivos de ámbito autonómico”, aasí como “empregar o idioma galego de xeito usual nas emisións de conformidade coa Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, en todo caso o 50 % dos programas de produción propia deberán emitirse en galego”.