A Xunta rexeita o transvasamento de Verdugo e Oitavén para abastecer Vigo

Barranco do Verdugo, en Ponte Caldelas. (Foto: Nós Diario)
Na cuarta feira, o Bloque Nacionalista Galego preguntará no Parlamento pola postura do Goberno galego con respecto ao transvasamento dos dous ríos.

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, asegurou que a Xunta desbota a opción do transvasamento dos ríos Verdugo e Oitavén para abastecer de auga a cidade de Vigo.

A integrante do Goberno galego explica que o propio estudo da Confederación hidrográfica do Miño, xa o expón así, indicando que non sería “nin eficaz nin viábel, porque durante a seca, os dous ríos “levan o caudal mínimo”, e non se podería garantir o abastecemento para a presa de Eiras.

Para a concelleira, a cidade ten “garantido o abastecemento de auga” coas infraestruturas actuais, cando menos até o ano 2070, polo que non son necesarias solucións inmediatas.

Ethel Vázquez afirmou que a situación de abastecemento non depende “do encoro de Eiras senón da estación de tratamento, que non permitía aumentar o caudal”, polo que se acordou a súa ampliación.

Reunión entre as partes

Despois de que esta fin de semana se producisen varias mobilizacións contra o transvasamento, a Xunta, a través da conselleira de Infraestruturas, chamou a acordar unha xuntanza cos municipios afectados para analizar a situación.

Precisamente, nesta cuarta feira o Bloque Nacionalista Galego (BNG) preguntará no Parlamento á Ethel Vázquez pola postura do Goberno galego con respecto ao transvasamento.

O deputado do BNG Manu Lourenzo, encargado de facer a pregunta, explicou a Nós Diario que  “somos conscientes que ante situacións de emerxencia hai que adoptar solucións de emerxencia. Mais non é o caso. O que está enriba da mesa é un problema de mala xestión e despilfarro de auga por parte do Goberno de Vigo”.