San Finx non cumpre e a Xunta vese obrigada a revogar o permiso de vertidos

Vertidos procedentes da mina de San Finx (Foto: Confraría de Noia).
Os incumprimentos reiterados da empresa Tungsten San Finx, S.L. obrigan ao Goberno Galego a pór en marcha un procedemento que entidades ecoloxistas, confrarías, veciñanza e investigadores levan meses reclamando.

A última prórroga rematou. O pasado mes de setembro a Xunta da Galiza, a través de Augas da Galiza, requiriulle á empresa Tungsten San Finx, S.L. que axustase a xestión das augas residuais xeradas nas instalacións da mina de San Finx, no concello de Lousame (comarca de Noia), ás condicións estabelecidas na autorización de vertido outorgada en febreiro.

Contaminación

No mes de agosto a Augas da Galiza abriu un expediente á empresa concesionaria polo incumprimento dos parámetros de vertedura. A plataforma en defensa da ría de Muros e Noia e en contra dos vertidos revelou entón que as análises deste organismo público indicaron que se superaban en 78 veces os parámetros legais en cadmio.

Augas da Galiza confirmou após este anuncio que nos últimos estudos realizados detectáronse valores superiores aos permitidos en cadmio, cobre e zinc, polo que, en consecuencia, e como estabelece a normativa, iniciouse o correspondente expediente sancionador.

Ademais, avisou a Xunta, a empresa concesionaria dispuña dun mes para acreditar documentalmente o axuste dos vertidos aos parámetros comprometidos. De non ser así, e persistir os incumprimentos, poderían dar lugar á revogación da autorización de vertido.

Este permiso de Augas da Galiza incluía 18 condicionantes que debía cumprir o titular da explotación para a correcta xestión do vertido e medidas para unha depuración axeitada, na súa obriga de cumplir cos obxectivos de calidade mínimos.

Conta atrás

O Goberno galego xa deu aviso ás partes do inicio do procedemento para a revogación da autorización e informou do prazo de 10 días para presentar as alegacións que consideren oportunas

Desde o BNG de Noia interpretan esta decisión como unha "batalla gañada". "Pero a guerra non acaba aquí –engade–. A Xunta, despois de varias iniciativas sociais, políticas e xudiciais, viuse obrigada a revogar a autorización de verteduras da mina. Con todo, non esquezamos que en San Finx segue habendo unhas perigosas presas, entre outros riscos e problemas ambientais, así como unha empresa e un Goberno galego que non se fan cargo da situación".

Novas evidencias

Nas últimas semanas, ás demandas da veciñanza da comarca, para o feche definitivo da mina, sumouse un novo informe de persoal investigador do CSIC.

O estudo, encomendado pola Confraría de Noia, confirmou que os niveis de metais pesados aumentan de forma exponencial despois do punto de vertido, facendo que a auga sexa tóxica para os organismos acuáticos.

O informe foi remitido ao xulgado de Noia para que se impute aos administradores e director da mina por delitos contra o medio ambiente.