A Xunta reunirase cos médicos internistas de Ourense que denuncian "sobrecarga asistencial"

Persoal facultativo do Chuo. (Foto: Europa Press)

A falta de profesionais, "sumado ás xubilacións", xunto co incremento de ingresos en Medicina Interna leva a esa "sobrecarga" que denuncian. Por iso, realizaron un escrito sobre o seu posicionamento ante esta situación, con "propostas técnicas".

O novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, referiuse esta cuarta feira a "carga moi importante" dos médicos internistas de Ourense e confirmou que están convocados a unha reunión esta quinta para abordar a súa situación.

Este encontro producirase despois de que os facultativos e a oposición denunciasen "sobrecarga asistencial". No caso do Servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (Chuo), os internistas tamén lamentan que levan varias semanas sen dirección, despois de que a última directora dimitise. 

Rueda sinalou que "non cualificaría como rebelión" as protestas dos internistas, e puntualizou que non chegou á Consellería de Sanidade "ningunha carta" coas reivindicacións dos internistas.

O presidente galego apostou por "coordinarse" co Goberno español porque "hai que convocar un  MIR extraordinario", porque a falta de especialistas representa "un problema xeneralizado nas autonomías" que, matizou, "só desde as comunidades" non van "poder solucionar" pola "falta de recursos humanos".

Precariedade "desde antes da pandemia"

Pola súa parte, médicos internistas, consultados por Europa Press, denuncian a "sobrecarga asistencial" existente no servizo de Medicina Interna do Chuo xa "desde antes da pandemia" e agravada por esta.

A falta de profesionais, "sumado ás xubilacións", xunto co incremento de ingresos en Medicina Interna leva a esa "sobrecarga" que denuncian. Por iso, realizaron un escrito sobre o seu posicionamento ante esta situación, con "propostas técnicas".

Respecto diso, o Colexio de Médicos de Ourense, que recibiu o escrito, instou á dirección da área sanitaria ourensá a deseñar "un plan para resolver de forma urxente" a situación "moi grave" de sobrecarga asistencial no servizo de Medicina Interna do complexo hospitalario.

Neste sentido, desde o Colexio afirman que os internistas "non recibiron solucións ás demandas do servizo" en todo este tempo. Por iso, a Xunta Directiva do Colexio Médico de Ourense "cre xustificado o contido do escrito" e manifesta "o seu total apoio aos asinantes do mesmo, a totalidade do servizo".