A Xunta retirou 14.651 niños de velutina no que vai de ano

Niño dunha vespa velutina na Galiza (Foto: Xunta).

No marco do plan posto en marcha cos concellos.

 A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, fixeron balance do programa galego de vixilancia e control fronte á vespa velutina acordado entre a Xunta e os concellos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). No segundo ano en vigor deste plan, a empresa pública Seaga encargada da encomenda da retirada dos niños desta especie nos 300 concellos galegos adheridos -96% do total-, eliminou un total de 14.651 niños desde xaneiro.

Por provincias, destaca Pontevedra con 5.772 niños eliminados ou neutralizados seguida de A Coruña con 5.611, mentres que en Lugo e Ourense se retiraron 1.769 e 1.499 niños respectivamente.

Así o explicaron durante unha reunión con representantes da empresa pública Seaga e da central de chamadas do 012, na que tamén se abordou a renovación da encomenda para 2022, por terceiro ano consecutivo. Aos 285 concellos incluídos o ano pasado sumáronse outros 15.

A directora xeral de Administración Local detallou que, ao igual que o ano pasado, na época estival rexistrouse o maior número de avisos co máximo de chamadas no mes de agosto cun total de 6.300.

A empresa Seaga conta cun equipo de coordinación que organiza aos equipos de intervención, aos que a Xunta dotou de equipamento para garantir a máximas condicións de seguridade dos seus efectivos durante os operativos.

O Goberno galego xa viña traballando desde 2014 nun programa de vixilancia e control para minimizar o impacto da vespa asiática e, ante o aumento da súa presenza, decidiu redobrar o ano pasado os esforzos e actuar coa Fegamp coa posta en marcha dun Plan centralizado para frear o seu avance a través da colaboración cos concellos nas labores de retirada e extinción dos niños.

Con este plan, unha vez recibida a chamada no 012, actívase o protocolo e contáctase co axente encargado de atender o aviso para determinar a actuación que procede. Na maioría dos casos, di a Xunta, retíranse nun prazo máximo de 5 días hábiles agás nos niños de difícil acceso ou que requiran actuacións complementarias ou permisos, nos que o prazo pode ser maior.

Ao igual que o ano pasado, contactouse por SMS coas persoas que comunicaron o aviso para informlas da resolución e o equipo deixou constancia das intervencións realizadas cunha pegatina que indica a data da visita e informe de que os niños están inactivos.

Como novidade, no servizo de comunicación de resolución de avisos SMS integrouse a nova aplicación Controlvelutina, a través da que os efectivos de Seaga xestionan os avisos introducindo en tempo real os datos