Medio Ambiente

Adega acusa a Xunta de "abandonar" o voluntariado en plena crise ambiental e censura que retire o apoio ao 'Proxecto Ríos'

Rolda de prensa de Adega, hoxe. (Foto: Arxina)
Roi Cuba afirmou que o Goberno galego colleu a idea de "formadores de voluntariado" das organizacións ecoloxistas e "derivárona para unha empresa de márketing, que está a limpar a imaxe da Xunta e non as praias". Adega censura que a Xunta retire o seu apoio ao consolidado 'Proxecto Ríos' e enténdeo como "unha represalia".

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) acusa a Xunta de "abandonar" o voluntariado galego en plena "crise ambiental" tras a vertedura de pellets plásticos que está a anegar o litoral galego, e denuncia que Augas da Galiza trasladou á organización que non renovará o convenio de colaboración relativo ao 'Proxecto Ríos'. Nunha rolda de prensa decorrida esta terza feira no Centro Internacional de Prensa da Galiza, en Santiago de Compostela, o presidente de Adega, Roi Cuba, sinalou que durante este mes "moita xente" acudiu á asociación para organizar as limpezas dos areais. Adega contactou coa Xunta para solicitar información e tamén medios, así como unha reunión para requirir apoio institucional.

Segundo o relato do presidente de Adega, a semana pasada mantiveron unha reunión coa vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, para reclamar "información e medios". Esa mesma semana, o día 18, indicou que tiñan programada unha reunión coa directora xeral de Voluntariado e, posteriormente, notificóuselles a cancelación desa cita. Por iso, esta terza feira denunciaron "a inacción" do departamento de Medio Ambiente do Goberno galego.

Protocolo "fusilado"

Aliás, detallou que durante a primeira semana a asociación organizou xornadas formativas para coordinadores de voluntariado e elaboraron un protocolo que, denunciou, "a Xunta fusilou sen ningún tipo de contacto" con Adega. "É inaudito que unha organización como Adega, con multitude de actividades e miles de colaboradores formados, o único que sirva para a Xunta é para copiarnos o protocolo e a idea de, teoricamente, formar os coordinadores de grupos de voluntarios, que o venden, pero non o fan. Mesmo veñen como observadores para tomar nota nas nosas actividades de limpeza", asegurou o secretario xeral de Adega, Froilán Pallín, que tamén participou nesta rolda de prensa.

Por outra parte, Roi Cuba afirmou que o Goberno galego colleu a idea de "formadores de voluntariado" das organizacións ecoloxistas e "derivárona para unha empresa de márketing, que está a limpar a imaxe da Xunta e non as praias". "Son persoas sen experiencia, cando temos a colectivos sen ánimo de lucro con ampla experiencia e consideramos que se nos debería botar unha man e darnos medios", reivindicou. "Unha vez máis, a Xunta de Rueda pon en evidencia o seu compromiso co voluntariado galego e a súa nula decencia política ao saltarse a normativa galega de voluntariado", reprochou.

A secretaria executiva de Adega, Belén Rodríguez, defendeu que a Administración galega "ten as competencias para dotar de medios e recursos ás entidades de voluntariado". Así, lembrou que o labor das organizacións ecoloxistas é "altruísta e de interese xeral", polo que considera que os labores de limpeza e inspección "deben ser soportadas pola Administración pública".

'Proxecto Ríos'

Unido a estas denuncias ante "a xestión da crise dos pellets", Roi Cuba explicou que a semana pasada a directora de Augas da Galiza trasladou nunha reunión que a axuda nominativa que tiña Adega para o 'Proxecto Ríos' "quedaba concluída". "A Xunta comunícanos que a colaboración coa nosa institución vai ser nula", sostivo Cuba. Trátase dun proxecto de educación ambiental que este ano chegaría ao seu vixésimo aniversario e que cada ano desenvolve multitude de actividades educativas e divulgativas para unha comunidade de máis de 6.000 persoas voluntarias, centros de educación e decenas de asociacións ambientalistas, culturais e veciñais de toda Galiza.

Para Belén Rodríguez, a decisión de Augas da Galiza de non renovar ese convenio "aparenta unha especie de castigo". "Quizais por ser críticos coa xestión do Goberno de Rueda ante certos aspectos da súa xestión e que teñen un especial impacto ambiental no noso territorio. Iso é o que parece que ocorre e parécenos lamentábel que unha Administración pública que se debe aos intereses de toda a cidadanía acometa este tipo de represalias contra unha organización ecoloxista que ten unha traxectoria impecábel", censurou.

Con todo, asegurou que a organización está comprometida con este proxecto e tentará "dotalo de viabilidade e continuidade" a través de diferentes contactos que mantén con outras institucións públicas "que si cren no voluntariado ambiental". Preguntados sobre os argumentos que lles trasladou a Xunta para a conclusión deste convenio, os membros da organización ecoloxista explicaron que reclamaran a ampliación do convenio vixente, pero este ano "decidiron anulalo".

O presidente de Adega detallou que Augas da Galiza notificou que "o que queren é involucrar outras organizacións e sacar o concurso a exposición pública", pero, na súa opinión, "despois de ver como a Xunta copia o protocolo dos pellets", a Administración galega "non garante nin o máis mínimo". De feito, especificou que esta convocatoria de axudas aínda non se fixo efectiva a día de hoxe e "tampouco impediría que a Xunta, a través de Augas, seguise dando soporte ao 'Proxecto Ríos', dada a súa singularidade e implantación".

"Que se abra unha liña de axudas parécenos marabilloso, porque se cumpriría a normativa. O que si nos parece é que, tal e como se expoñen esas axudas, que son de carácter provincial, vai ser difícil que haxa outras entidades a nivel provincial que desenvolvan este tipo de actividades", reflexionou Belén Rodríguez.

Mentres, o secretario xeral de Adega, Froilán Pallín, entende que as accións da Xunta "non son un castigo ou unha represalia" cara á asociación, senón "ao conxunto do voluntariado galego e á protección do medioambiente". Ademais, manifestou que a organización ecoloxista tamén mantivo encontros para trasladar as súas propostas e reflexións co delegado do Goberno estatal na Galiza, co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que "se comprometeu a seguir colaborando co 'Proxecto Ríos'; coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; e con representantes do PSOE.