A Xunta restrinxe a información das residencias e só informará dos contaxios por áreas sanitarias

Unha persoa asoma pola xanela da residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O Goberno galego só informará dos casos por área sanitaria e non por residencia, ao igual que fai cos casos nos centros de ensino.

A Xunta emitiu unha comunicación na terza feira para informar de que a partir de agora só notificará os casos positivos en residencias e os falecementos de persoas con positivo por Covid-19 desagregados por áreas sanitarias.

O Executivo galego xustifica esta opacidade á hora de informar dos datos nas residencias pola "evolución da situación epidemiolóxica" e polo procedemento seguido por outras autonomías. Así, a Consellaría de Sanidade só informará dos casos por área sanitaria e non por residencia, e do mesmo xeito, seguirá sen notificar os contaxios das persoas traballadoras nas residencias.

Neste sentido, a Xunta repite o 'modus operandi' da contabilización de casos nos centros de ensino, que fai pública desagregándoa por áreas sanitarias no canto de por centros educativos.

Non é a primeira vez que a Xunta decide non facer públicos os datos de contaxios nas residencias de maiores. En 2021, tanto PSdeG como BNG xa denunciaron no Parlamento a "falta de transparencia" do Goberno galego ao "negar o acceso á información pública".

"Escurantismo" da Xunta nas residencias

A decisión chega despois de que no mes de xaneiro se desen continuadas críticas públicas polo "escurantismo" da xestión das residencias de maiores durante a sexta vaga do coronavirus. Os colectivos Traballadoras de Residencias da Galiza (Trega) e Vellez Digna denunciaron que "actualmente estanse a producir surtos explosivos en moitos centros da Galiza, tanto no persoal traballador como entre as e os residentes".

Esta decisión de non desagregar os datos por residencias, sumado á decisión da Consellaría de Política Social de non intervir en residencias afectadas por surtos masivos, propiciou que a A Asociación Galega De Familiares e Usuarios De Residencias Vellez Digna solicitase a dimisión inmediata da conselleira de Política Social, Fabiola García.

Casos en residencias e centros educativos

En total, na Galiza hai 638 usuarios de residencias afectados. A área sanitaria da Coruña e Cee é a máis afectada, con 181 usuarios. Séguena Ourense, con 166 usuarios infectados, e a área de Lugo, con 109.

A área sanitaria de Vigo conta con 81 usuarios afectados, mentres que as de Ferrol e Santiago-Barbanza suman 38 infectados cada unha. Polo de agora, a área sanitaria de Pontevedra é a que menos casos rexistra, con 25.

No caso dos centros de ensino do país, hai 8.950 casos activos na ensinanza non universitaria e un total de 126 aulas fechadas. A área de Vigo, con 43 aulas pechadas, e a da Coruña e Cee, con 37, son tamén as que máis casos activos contabilizan, con 2.126 e 2.023 afectados respectivamente.

Santiago-Barbanza (1.598 casos e 31 aulas pechadas), Pontevedra e o Salnés (1.090 e 9), Ourense (874 e 2), Lugo (824 casos pero sen aulas pechadas) e Ferrol (415 e 4) pechan a lista. 

Ensino infantil

En canto ao ensino infantil, a Xunta notificou 530 casos activos e 8 aulas pechadas (5 na área sanitaria da Coruña e Cee, 2 na de Vigo e 1 na área sanitaria de Pontevedra e o Salnés).

Os casos positivos distribúense por áreas sanitarias da seguinte maneira: a da Coruña contabiliza 142 casos e a de Vigo 119. Por debaixo do cententar de casos activos veñen Pontevedra e o Salnés (76), Santiago-Barbanza (73), Ourense (48), Ferrol (38) e Lugo (34).