CIG denuncia que a Xunta reserva o 50% das prazas das residencias de tempo de libre para persoas de fóra de Galiza

Política Social afirma que ese criterio está fixado nun Real decreto do Estado do ano 1982 e que se vén aplicando desde entón.

“Por primeira vez, a orde da Política Social que regula a concesión das prazas das residencias de tempo libre do Carballiño e Panxón-Nigrán reserva en exclusiva o 50% destas prazas para persoas de fóra de Galiza. Con esta medida, a Xunta limita o acceso das galegas e galegos a estas instalacións que teñen como obxectivo facilitar unha estadía vacacional a prezo regulado”.

Esta é a denuncia da CIG, que lembra que até o de agora as prazas destas residencias tiñan carácter aberto e concedíanse por orde de solicitude seguindo criterios de preferencia para persoas en circunstancias determinadas (familias numerosas, monoparentais, vítimas de violencia de xénero, persoas con discapacidade etc.) e había un 50% de prazas reservadas para asignar polas organizacións sindicais.

Porén este ano, en plena pandemia “e sen mediar explicación, a Xunta acordou dar prioridade ás persoas procedentes de fóra de Galiza, para as que se reservan cando menos o 50% das prazas de cada unha destas instalacións. Isto supón discriminar as usuarias e usuarios galegos que verán moi limitadas as posibilidade de acceder a este servizo xa que o resto de prazas ofertadas tamén poden ser solicitadas por persoas doutros territorios”.

“Sorprende este cambio de criterio nunha situación sanitaria e económica como a actual, na que a Xunta de Galiza debería dar preferencia ás súas administradas e administrados para que poidan gozar duns días de lecer, especialmente tendo en conta as circunstancias complexas de moitas das persoas que solicitan estas estadías e que teñen neste servizo unha vía para acceder a un período vacacional en condicións de seguridade”. De feito, engade a central, “tal e como se recolle na orde da Xunta que regula as quendas de estancias nestas residencias, teñen como obxectivo "favorecer a comunicación e participación persoal e socio-familiar, e cumprir cunha importante función social". Función imposíbel de cumprir se se restrinxen as posibilidades de acceso a este servizo”.

Resposta da Consellaría

Desde a Consellaría de Política Social negan as acusacións do sindicato nacionalista. Afirman que o Real decreto 4123/1982 do 29 de decembro de 1982 establecía o traspaso ás autonomías das residencias de tempo libre, ate entón competencia do Estado.

E, explican, nese RD xa se indicaba que 50% das prazas tiñan que se reservar para familias procedentes doutros territorios. Ese reparto, así pois, proseguen, está en vigor desde aquel ano.

A ñunica novidade agora, puntualizan, é que se antes esas prazas que se reservaban nas residencias de tempo libre de Galiza para familias de fóra ficaban sen cubrir, quedaban vancantes. Mais agora, esas vacantes irían a familias galegas.