A Xunta reparte 3,5 millóns de euros entre concertada e privada para gastos asociados á Covid

(Foto: Europa Press)

As subvencións aprobadas por Educación irán á cobertura de horas extraordinarias entre o profesorado e gastos por material.

A Administración galega concedeu subvencións a centros educativos privados e concertados por valor de case 3,5 millóns de euros para sufragar gastos asociados á pandemia durante este ano 2021 e o vindeiro 2022.

O Diario Oficial de Galiza publica a resolución da Consellería de Cultura, Educación e Universidades pola que se autoriza a repartición de 3.439.000 euros para que os centros privados e concertados fagan fronte ás horas extraordinarias do profesorado en Secundaria e á compra de material para o cumprimento dos protocolos e as medidas sanitarias.

A maior partida, cun total de 2,5 millóns de euros, lévana as axudas á adquisición de material hixiénico-sanitario para o período entre o 1 de setembro e o 31 de decembro.

Pola súa banda, os centros solicitantes repártense outros 938.000 euros para o incremento de horas adicionais do profesorado de Secundaria obrigatoria durante este curso.

En concreto, as axudas divídense nos 348.000 euros para este ano e os 592.000 que se abonarán en 2022.

Destacan os 192.000 euros que recibe o  Fogar de Santa Margarita da Coruña, os 141.000 euros que van para o  Andaina de Culleredo, os 126.000 euros do Compañía de María da cidade herculina ou os 117.000 euros que percibe o Cristo Rey, tamén na capital provincial. O Pilar e o María Auxiliadora, de Vigo, que levan 104.000 e 100.000 euros en total, respectivamente. Os centros O Castro de Vigo e Santo Tomás do Porriño perciben 90.000 euros cada un.

O María Auxiliadora de Lugo leva 58.000 euros, e en Ourense,  María Auxiliadora e ao Santa Teresa de Xesús, ambos con 58.0000 euros.