A Xunta renuncia á riqueza hidráulica: as políticas de Feixoo ao servizo das eléctricas

Encoro do Tambre en Brión; encoro da Ribeira, nas Pontes, encoro do Eume, en Monfero e encoro dos Peares.(Foto: Nós Diario).
Galiza é unha potencia en enerxía hidráulica. Porén, os beneficios marchan fóra. O Goberno galego ponse do lado das compañías eléctricas e négase a reverter ao sector público as concesións hidráulicas, unha vez rematado o período de explotación legal. Texto Xacobe Ferreiro

O 29 de novembro de 2018, o pleno da corporación municipal de Soutomaior acordaba, por unanimidade, solicitar ao Goberno galego a extinción da concesión administrativa da central hidráulica da Fábrica do Inferno. A coñecida popularmente como “presa do Inferno” é un salto de auga situado no río Verdugo, cunha potencia instalada de 3,44 megavatios e cuxa autorización, segundo o rexistro de Augas da Galiza, data de 1899. Atendendo á normativa de aplicación que fixa para a concesionaria un período máximo de explotación de 75 anos, a central tiña que ter revertido á Administración pública en 1974. Porén, 44 anos máis tarde segue beneficiándose dela unha empresa privada.

Outro tanto acontece en diversos lugares da Galiza. Por exemplo, na parroquia viveirense de Chavín opera unha central hidráulica desde 1905, polo que os dereitos da súa explotación privada remataron en 1980. Malia isto goza dunha significada actividade da man de Barras Eléctricas Galaico Asturianas (Begasa), unha sociedade que fai parte do Grupo Viesgo. Na parroquia de Vilacoba, en Lousame, o grupo murciano Nexia benefíciase dos dereitos dun salto cunha potencia de 1,04 megavatios, autorizado en 1920 á empresa propietaria das minas de Lousame e que, por conseguinte, a súa concesión concluíu en 1995.

24 concesións hidráulicas en situación irregular

Segundo un estudo elaborado pola Federación de Industria da Confederación Intersindical Galega (CIG), con base en expedientes das concesións que custodia Augas da Galiza, existen 24 centrais hidráulicas en situación irregular. Entre aquelas autorizadas con anterioridade a 1900 documéntanse a de Fecha, en Compostela; a da Freixa, en Pontecaldelas; a de Almofrei, en Cotobade; a de Dorna, en Cotobade, a da Fábrica do Inferno, en Soutomaior e a de Merzal, en Vila de Cruces. Ao tempo, na primeira década do século pasado aprobáronse as concesións das centrais hidráulicas de Carboeiro en Silleda, Chavín en Viveiro, Tronceda en Mondoñedo, Tambre en Brión e Santa Uxía en Dumbría.

A Xunta da Galiza non reverteu ao sector público aquelas concesións hidráulicas autorizadas hai máis de 75 anos malia que a lexislación e a xurisprudencia non ofrecen dúbida ningunha. De feito, o Tribunal Supremo e a Audiencia Nacional determinaron en 2018 o alcance do disposto na normativa de aplicación, ratificando a duración máxima da concesión a 75 anos e estabelecendo ás concesionarias a obrigatoriedade da súa devolución ao sector público en perfecto estado de uso. As referidas resolucións xudiciais refírense a uns casos na conca hidrográfica do Ebro, precisamente onde existe un importante movemento social a prol do retorno das centrais ao sector público. 

(Podes ler o artigo íntegro no teu Nós Diario de hoxe, á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loja)