A contía equivale ao total investido na especie nos últimos 6 anos

A Xunta renuncia a máis de 4 millóns de euros por non apoiar a estratexia do lobo

Adega demanda unha 'coexistencia amábel' co lobo. (Foto: CSIC)
A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) denuncia que a negativa da Xunta da Galiza a apoiar a Estratexia para a conservación e xestión do lobo e a súa convivencia coas actividades do medio rural presentada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) fixo que o Executivo galego deixase de ingresar 4,3 millóns de euros.

A negativa da Xunta da Galiza a apoiar a Estratexia para a conservación e xestión do lobo e a súa convivencia coas actividades do medio rural presentada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) fixo que o Executivo galego deixase de ingresar 4,3 millóns de euros.

Estes fondos estaban destinados á Galiza para axudas ás explotacións gandeiras e para investimentos tanto en melloras preventivas en zonas lobeiras (adquisición e mantemento de cans de defensa, fechamentos fixos e pastores eléctricos, axudas para melloras no gando...) como para pagar compensacións ou indemnizacións polas perdas. 

Porén, o Goberno galego anunciou onte a adxudicación de 1,4 millóns de euros (case 3 millóns menos que o ofrecido polo Estado) para adoptar estas medidas preventivas e paliativas fronte o lobo, o oso e o xabaril. 

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) denunciou tamén onte nun comunicado de prensa que con esta "manobra trumpista" a Xunta provocará "graves" consecuencias para o rural galego. "A negativa da Xunta a asinar a estratexia do lobo non só prexudica gravemente as explotacións das zonas lobeiras, senón que impide avanzar na protección da especie", afirmou Adega. Os ecoloxistas defenderon que a "coexistencia amábel" entre o lobo e a gandaría pasa por "aceptar a protección desta especie e apoiar a estratexia". Segundo Adega, a Administración galega mostrouse contraria a esa "necesaria coexistencia".

A Xunta da Galiza ficou soa xunto coa Comunidade de Madrid (cunha poboación de lobo testemuñal, segundo Adega), na confrontación política que mantén co Miteco. As demais autonomías que inicialmente compartían postura coa galega apoiaron finalmente a estratexia para poder así acceder aos "importantes" fondos de compensación de danos e medidas preventivas. "Rueda decidiu aliñarse co 'ayusismo trumpista' prexudicando non só o lobo senón tamén os intereses dos gandeiros e das gandeiras", sentenciou o colectivo ecoloxista.

Unións Agrarias pide 'desbloquear' os fondos

Tamén onte Unións Agrarias reclamoulle á Xunta e ao Miteco un "acordo inmediato" para a liberación dos fondos do plan do lobo que corresponden á Galiza. 

A organización agraria cualificou de "tomadura de pelo ao sector gandeiro" a situación de bloqueo dos fondos que o Miteco ten aprobados para a posta en marcha do plan de xestión da especie.