A Xunta 'rega' plantacións ''ilegais'' de eucaliptos en Lugo

[Imaxe: Adega]

Denúnciao Adega e sinala eucaliptais coma os de Lugo, Rábade e Begonte que incumpren "os mínimos insuficientes" que sinala a nova Lei de Costas en materia de protección das plantacións autóctonas.


Seis de cada dez árbores na Galiza son eucaliptos ou piñeiros e a súa expansión, lonxe de se frear, está regada polo corpo lexislativo aprobado pola Xunta do PP a través de leis como a de Montes ou o anteproxecto de lei do Solo, que abren as cancelas do monte ás grandes madeireiras e aos cultivos enerxéticos. Segundo denuncia Adega, algúns deses eucaliptais son "ilegais".

Acontece isto nos municipios de Rábade e Begonte. A asociación ecoloxista sinala máis un caso que tamén foi denunciado, mais a Dirección Xeral para a Conservación da Natureza obrigou o propietario da finca a arrincar as árbores e poñer castiñeiros. Aconteceu no municipio de Lugo despois de talar unha carballeira de 6.000 metros cadrados protexida baixo figuras como 'reserva da biosfera', proposta de ampliación da Rede Natura ou o Plan Especial de Protección do Río Miño, PEPRIM. No caso de Begonte, o Seprona ordenou tamén arrincar os eucaliptos.

Malia estas pequenas vitorias,  Adega alerta de que no monte galego non se están a cumprir nen sequera "uns mínimos insuficientes" coma os que dispón a nova Lei de Costas e que impide facer plantacións de eucaliptos en parcelas con masas frondosas autóctonas, así como a menos de 15 metros dun río e a menos de 100 da liña de costa.