A Xunta anuncia agora que vai reforzar Infantil e Primaria con 158 unidades máis e 240 novos docentes

Europa Press

A CIG acusa a Xunta de "vender como reforzo fronte á Covid-19 o que é o simple cumprimento das ratios máximas en Infantil e Primaria".

A Consellería de Educación autorizou a creación ou habilitación de 158 novas unidades (grupos de clase) en centros públicos de educación Infantil, Primaria e Educación Especial, o que levará consigo a incorporación de 240 novos mestres o próximo curso escolar. Un anuncio que chega após a vaga de críticas desde a comunidade escolar fronte ás medidas do protocolo da Covid para o vindeiro curso. 

Con esta medida, o Goberno galego afirma que reforza os medios destinados ao sistema educativo co obxectivo de garantir a calidade do ensino así como cumprir coas medidas establecidas no Protocolo de adaptación ao contexto do coronavirus para o inicio da actividade lectiva nos centros de ensino non universitario da Galiza para o curso 2020/21.

O reforzo no caso da educación secundaria concretarase en setembro, cando se dispoña dos datos definitivos tras o peche da matrícula na totalidade dos centros.

O principal sindicato do sector, a CIG,  di que con este anuncio a Xunta "vende como reforzo fronte á Covid-19 o que é o simple cumprimento das ratios máximas en Infantil e Primaria"

A central nacionalista indica que a Consellaría "non informa de cales son os centros nos que se habilitan aulas, mestura aulas creadas con habilitadas para ofrecer unha cifra maior e pecha dúas unitarias con cinco alumnas e alumnos en cada unha". Para a central estamos "ante "propaganda para procurar tapar o escándalo do protocolo.

Unitarias

Por outra banda, o Diario Oficial de Galiza publica esta cuarta feira a Orde pola que se modifican as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes da Consellería de Educación nos niveis de educación infantil, educación primaria e educación especial.

Tendo en conta os datos de matrícula, o próximo curso escolar deixarán de prestar servizo educativo dúas escolas unitarias, as EEI de Luaña (Brión, 5 matrículas) e EEI de Comiáns (A Laracha, 5 matrículas). A Xunta mantén o criterio de que haxa como mínimo seis alumnos matriculados para a continuidade.