Así son as novas medidas da Xunta para o inicio do curso: volta gradual e dúas máscaras

Estudiantes de Bacharelato durante os exames de selectividade no IES Vilar Ponte de Viveiro (Imaxe: Carlos Castro / Europa Press)

A Xunta anuncia unha volta progresiva ás aulas por niveis educativos, horas despois de que os sindicatos convocasen mobilizacións e folga no ensino para o 10 e 16 de setembro reivindicando un regreso seguro aos centros. 

Logo de que os sindicatos CIG, CCOO, STEG e CSIF presentaran esta segunda feira, 31 de agosto, o calendario de mobilizacións no ensino, que comprende xornadas de folga para o 10 e 16 de setembro, para exixir ao Goberno galego un regreso ás aulas presencias con todas as medidas de seguridade ante a Covid-19, a Xunta da Galiza vén de decidir, finalmente, reformular o inicio do curso.

O calendario mantén o arranque da actividade a partir do 10 de setembro pero a incorporación do alumnado “será escalada”, segundo informou esta tarde a Consellaría de Educación. Así pois farase por niveis, ao longo de diversos días, unha medida similar á que se adoptou noutros territorios como Euskadi ou a Comunidade de Madrid.

Deste modo, o mesmo 10 de setembro volverán aos centros o alumnado de 4º e 5º de Educación Infantil; 1º, 2º e 3º de Primaria e Educación Especial, mentres que ao día seguinte será a quenda de 6º de Infantil e de 4º, 5º e 6º de Primaria.

O 16 de setembro, pola súa banda, acudirá a clase o estudantado de 1º e 2º de Secundaria, 1º de Bacharelato, e 1º de FP Medio e Superior; o 17 farano en 3º da ESO, 2º de Bacharelato e 2º de FP Medio e Superior; e a incorporación completarase o 18 de setembro con 4º de ESO e FP Básica.

A Xunta publicou esta segunda feira o protocolo con instrucións para o inicio de curso que incorpora o acordo alcanzado a semana pasada na reunión das comunidades autónomas e os Ministerios de Sanidade e Educación, ademais das últimas decisións do comité clínico que asesora o Goberno sobre a evolución da pandemia provocada pola Covid-19.

Máscaras para Infantil

O alumnado terá que levar outra máscara de reposto e un estoxo para gardala nos momentos en que non teña que usala, como nas comidas, aínda que haberá unha dotación mínima de proteccións nas escolas para casos de perdas. Educación anunciou que se repartirán unhas 400.000 máscaras entre os centros.

O estudantado recibirá unha formación específica sobre o uso destes medios de protección e o profesorado deberá incentivar e concienciar sobre o seu uso entre o alumnos de infantil "sempre que sexa posíbel". As aulas manterán grupos de convivencia estábel para Infantil e Primaria, e unha distancia de seguridade de 1,5 metros de separación medidos desde o centro das cadeiras para o resto de etapas educativas.

Para facer cumprir esta medida, os centros poderán retirar mobles e buscar espazos alternativos para aqueles casos nos que o tamaño do habitáculo impida cumprir co distanciamento decretado. Educación abre a porta, ademais, a efectuar novos desdobres naqueles grupos nos que resulte inviábel e careza de alternativa en calquera destas dúas opcións para poder cumprir coas medidas de seguridade.

Postos fixos

Os servizos de comedor e de transporte contarán ademais con postos fixados para cada alumna e alumno, que manterán durante todo o ano, e separados por unha distancia de 1,5 metros.

No caso dos comedores, poderanse estabelecer quendas e instalar outras medidas de protección, como biombos. O obxectivo destas medidas é garantir un mellor seguimento dos contactos. A maiores, haberá un equipo Covid-19 en cada centro que recibirá formación específica impartida por persoal sanitario e que contará cun centro de saúde de referencia para ofrecer asesoramento; practicarase un test serolóxico a todo o persoal; a aplicación ' EDUCOVID' para aplicar o seguimento de contactos e casos confirmados; e autoenquisas de avaliación que deberán facerse cada día.

As nais e pais terán que colaborar coas crianzas para detectar posíbeis síntomas e realizar tomas de temperaturas domiciliarias antes de acudir ao centro de forma diaria.

Os centros deberán facer especial fincapé na ventilación de aulas e espazos e nas tarefas de limpeza de zonas comúns, como os baños e as aulas.

Xestión dos gromos

Así mesmo, como se estabelecía no protocolo de xuño, cada centro debe contar con plans de continxencia e plans de adaptación ás súas propias singularidades, mentres que bibliotecas, aseos e espazos de recreo terán capacidade limitada. Neste último caso, os espazos deberán contar cun máximo de 30 alumnas e alumnos, priorizando as áreas ao ar libre.

As aulas virtuais terán que estar operativas a partir de 3º de Primaria antes de finalizar o mes de setembro, e os centros terán que vixiar e identificar as necesidades e dificultades de cada usuario para recibir formación a distancia. No caso de que se produzan repuntas, as autoridades sanitarias serán as encargadas de definir os illamentos que sexan necesarias atendendo ás particularidades de cada caso.

En función do número de contaxios, poderase ordenar a corentena dun grupo determinado de contactos estreitos do centro, o fachamento dunha ou varias aulas, dun nivel educativo ou do centro na súa totalidade, segundo explicou Jorge Aboal, director xeral de Asistencia sanitaria.