ANPA e profesorado do Monte Caxado non se fían da vontade negociadora da Xunta

A marcha, por volta das 10 horas desta terza feira, na entrada na cidade

Nais e pais, mestres e veciñanza das Pontes levaban case tres semanas de mobilizacións esperando unha explicación do goberno da Xunta a respecto do anuncio do encerramento do Colexio Monte Caxado o pasado 22 de xuño, o penúltimo día do curso. O domingo comezaron unha marcha por etapas que concluíu este mediodía na Coruña. Despois de xantar, de volta a casa, sentáronse a escoitar ao conselleiro. 

Román Rodríguez subiu á tribuna do Parlamento as tres e media da tarde. O conselleiro de Educación dixo que as medidas adoptadas para a reorganización de centros de ensino se tomaron “en exercicio das competencias” do seu departamento, que se trata de “medidas técnicas, responsables e sensatas” e que “en ningún caso pode falarse de encerramentos de centros, pois nos casos dos CPI das Pontes, Porriño e Ribadavia seguirán impartíndose clases de Infantil e Primaria e os de Secundaria pasan aos institutos” das devanditas localidades.

 

Os alumnos de Secundaria destes tres centros afectados pola reorganización, indicou o conselleiro, son os únicos que pasarán a estudar en institutos das localidades. 

 

Nais e pais, profesoras e profesores, e moita veciñanza das Pontes madrugaron esta mañá para completar a marcha de protesta até a sede territorial de Educación na Coruña. Comezaran o domingo e onte chegaran até a entrada da cidade. 

 

Están mobilizados en defensa do Colexio Monte Caxado desde o 22, o día que Indalecio Cabana, o xefe territorial de Educación, o inspector xefe, Fermín Lata, e a inspectora de zona, unha funcionaria en prácticas, reuniron ás directivas do CPI Monte Caxado e do CEIP A Madalena para informalas de que, segundo o Decreto 60/2017, o Monte Caxado “extinguía” a súa actividade e pasaba a integrarse no da Madalena.

 

As veciñas e os veciños das Pontes colleron os coches (había folga de autobuses) esta mañá para manifestarse na Coruña. A xestión das “medidas técnicas, responsables e sensatas” adoptadas por Román Rodríguez leváraos até alí. “Fai falta tempo para ver, para crer”, dixo o conselleiro desde a tribuna. Durante as dúas semanas seguintes ao anuncio de Educación, nas Pontes houbo fechamento de nais e pais no centro escolar, xuntanza da coordinadora de Anpas dos seis centros de ensino da localidade, asembleas, manifestacións, adhesións da veciñanza á protesta, unha concentración en Compostela xunto aos afectados de Outes (nese caso si se fecha, admitiu Rodríguez), O Porriño e Ribadavia, declaracións públicas de Valentín González, o alcalde de As Pontes e presidente da Deputación que, ademais, ten fillos no Monte Caxado. Pero o conselleiro non foi quen de explicarlles o que explicou esta tarde no Parlamento. Tampouco o explicara -nada dixo da reorganización nin dos colexios afectados como lle recordaron os grupos da oposición- na súa comparecencia parlamentaria, dous días antes de mandar á Inspección, do 20 de xuño. 

 

“Está aquí non por vontade propia, señor Rodríguez, senón pola presión popular”, recordoulle tamén a oposición. 

 

O certo é que o decreto de reorganización promove a “extinción” do Monte Caxado, a dirección integrarase no CEIP Madalena, e mesmo no DOGA corrixiuse o número de identificación do centro (na primeira redacción aparecía o do Monte Caxado). Os profesores manteñen a prevención respecto do último anuncio de Educación. 

 

“Segundo nos dixo o conselleiro de Educación na reunión que tivemos con el e que fora solicitada polo concello e na que estivo Valentín, o alcalde, a decisión comunicouse o 22 de xuño porque se sabía que ía provocar reacción das nais e dos pais e do profesorado. Así que, dixeron, se o facían durante o curso, provocaría un mal funcionamento do centro. Interferencias. Como é posíbel que nun sistema educativo se poidan facer as cousas así?”, queixábase esta maña o director do Monte Caxado, Juan José Bermúdez.

 

E insistía: “non damos nada por perdido”. Bermúdez comezou no colexio en 1984, o ano que se inaugurou. “Aquilo xa foi grazas á mobilización”, conta Antonio, un veciño que se sumou a esta protesta, “Cacharro Pardo díxonos un día que estaba feito e ás dúas horas presentou a súa dimisión, pero seguimos adiante”. Nos primeiros anos, o Concello asumira parte do gasto do profesorado, “elixiámolos nós e collíamos os de mellor expediente, logo marchaban porque aprobaban a oposición”, recorda Antonio nun lado da pancarta que recorre o treito desde Matogrande a Monelos.

 

“Son das Pontes, estudei na Academia Nebrija, que despois foi o Pardo Bazán, que tamén desapareceu. Pecharan tamén o colexio Endesa, adscrito ao Monte Caxado”, apunta o director, “houbera un bum naqueles anos e chegamos a ter 776 alumnos. Pero este segue sendo o centro con máis alumnas e alumnos, 262, e máis proxectos da vila. Mátase un colexio que estaba nun bo funcionamento, se non non se explicaría este apoio que está tendo da veciñanza, esta mobilización”.

 

Roberto, o día anterior desde Bergondo a cargo do megáfono, di que está na manifestación porque é pai dunha nena que cursa Primaria, que el foi alumno do Monte Caxado, “empecei en cuarto o ano que se inaugurou”, e que o centro foi mellorando e non comprende as razóns de Educación. “Tiñamos que estar facendo outras cousas, ou cos rapaces de vacacións, pero queremos ter as cousas claras do que vai pasar co colexio”.

 

José Ángel, pai dun alumno de Primaria -“teño o neno matriculado, e con actividades extraescolares pola tarde, quero que siga nelas e non sei se haberá un horario de clases que llo permita”- e Belén, nai de dúas nenas tamén en Primaria, están nas mesmas. Piden explicacións e toparlle un sentido a ese anuncio que os pillou xantando o día antes de fin curso. “Pedimos perdón pola incerteza”, dixo o conselleiro desde a tribuna.

 

A incerteza vai máis alá dos horarios, ou da integración dos programas do Monte Caxado nos plans da nova dirección. “Para nós, a atención a diversidade é máis un reto cá unha complicación”, sinala Juan José Bermúdez, o director. “Foise creando unha cultura que se perde toda”. Hai 55 alumnos que requiren atencións especiais. Mesmo hai un caso dun neno no que o colexio, coa intervención da ONCE, conseguiu integrar. O neno e a nai estaban na manifestación. 

 

Tamén Beatriz, mestra e nai afectada -acaba de matricular o neno para o curso que vén-, que ten dúbidas sobre o futuro dos profesores. “Somos un claustro de 31 persoas, pode haber algunha supresión, e hai unha xubilada que seguro non se cubrirá. Imos dun recorte a outro”.

 

Mañá o alcalde, hoxe á cabeza da protesta vestido de corto e megáfono en man, volverá reunirse cos veciños para falar das accións a seguir. Queren abrir unha vía de diálogo coa Xunta, que parece que comeza a recuar. O conselleiro rematou a súa intervención no Parlamento embarcado nunha disputa política acusando a oposición de “construír o seu relato sobre unha mentira” e xustificando as omisións do día 20 na “responsabilidade” de que ten que “dar conta de feitos concretos e a reorganización inda non fora acordada polo goberno”.

 

Nas Pontes, as nais e os país do Monte Caxado non se toman vacacións. “Hoxe somos máis fortes, somos máis que a semana pasada, e imos seguir até que se solucione isto”, advirte Belén ao final da marcha. No colexio seguía xente no peche, na tribuna do Parlamento houbo tamén xente das Pontes. Escoitaron a Román Rodríguez dicir que teñen “as portas abertas do servizo de inspección para resolver posíbeis prexuízos”, dicindo que el “entende a relación afectiva das familias cos colexios”. Quizá, no caso das Pontes, non calibrou ben a forza desa relación. Nas Pontes, unha vila singular social e economicamente, inda queda rastro diso que se chama sociedade civil e que case nunca aparece.

 

Nota: Nas fotografías que van inseridas no meio do texto, da autoría de E.D., aparecen: (1). Na esquerda, o director do centro; (2). Bea, mestra; (3). Valentín González Formoso, alcalde de As Pontes, co megáfono na man; (4). Un momento da concentración