A Xunta recorta en futuro: inviste en I+D+i un 35% menos que España e un 60% menos que a UE

En só catro anos, 2010-2014, Galiza perdeu 1.404 investigadores.

A I+D+i, chave para o avanzo e desenvolvemento dun país, tamén foi vítima da política de recortes aplicada polos gobernos de Núñez Feijóo. Reduciu un total de 150 millóns de euros ao Plan Galego de I+D+i dende a súa chegada en 2009, e dos fondos que ficaron deixou sen executar por volta de 200 millóns de euros. Un recorte que axuda a entender como o investimento en Galiza en investigación, desenvolvemento e innovación pasou durante estes anos de goberno popular do 1,06 ao 0,87 por cento do PIB”.

Os recortes en I+D+i da Xunta nestes anos foron de case o 20%,  o que supón 9 puntos por riba da media do Estado

Estamos a falar de que en Galiza se aplicou un recorte de case o 20% cando na media do Estado foi do 11%. Así, destinamos a investigación o 0'87% do noso PIB (datos 2014), lonxe do 1,23% que inviste España e moi afastados do 2% que de media adica a Unión Europea. Un 35% menos que a media estatal e un 60% menos que a UE. Non deixa de ser curioso que o propio executivo de Núñez Feijóo marcou no Plan Galego de innovación e investigación o obxectivo dun mínimo do 2%.

Perda do tren

Nese período (2010-2014) o noso país perdeu 1.404 investigadores,. Profesionais ben formados que tiveron que ir ao paro ou ben emigrar. O persoal adicado en Galiza a Investigación, Desenvolvemento e Innovación en relación ao total de emprego en economía é o 1,03%, porcentaxe tamén inferior á media española, que anda polo 1,3%. Outro dato que amosa que non estamos na mellor situación é que o número de empresas que en Galiza empregan tecnoloxía 'alta' ou 'media' eran en 2014 unhas 3.300, o que representa menos do 2% do total do tecido empresarial do noso país.

Esta febleza supón un claro lastre para o desenvolvemento futuro

No que atinxe ás compañías con "actividades innovadoras", eran 1.066, un 24% menos que hai unha década. "Esta febleza supón un claro lastre para o desenvolvemento futuro [de Galiza] que non é quen de implementar unha política científica e de innovación que lle permita afrontar as necesidades tecnolóxicas futuras", explican Foro Económico Galego.

Xa en 2012 houbera mobilizacións en Galiza contra esta política de recortes, uns protestos nos que estivo presente o colectivo 'Precari@s', moi activos en denunciar as consecuencias para o país desta ausencia de compcomiso co I+D+i. Un dos voceiros dfeste colectivo, Andrés Pérez, alertaba que "a situación para o sector científico está a se volver insostíbel" e denunciaba: "Aos políticos éncheselles a boca dicindo que hai que gastar en investimento e en inovación, mais non se fai, e tamén se aproveitan de que á cidadanía non lles chegan os beneficios directos da ciencia".