A Xunta recoñece que a mineira de Corcoesto ''realizaba sondaxes fóra da legalidade''

A Plataforma pola defensa de Corcoesto vén de informar de que o Goberno galego iniciou xa un expediente sancionador a raíz dunha denuncia veciñal. Foron tamén @s veciñ@s @s que obrigaron á empresa canadense a abandonar a nave onde traballaba por carecer de licenza

A Xunta de Galiza iniciou un expediente sancionador contra a empresa Edgewater, adxudicataria da mina a ceo aberto no lugar de Corcoesto, en Cabana de Bergantiños.

Segundo informou a Plataforma pola defensa de Corcoesto, foi este colectivo e varias asociacións veciñais as que interpuxeron unha denuncia contra a mineira canadense por realizar de maneira ilegal sondaxes xeotécnicas e de exploración nas cuadrículas que fan parte do proxecto Julia 2 e Julia 3. Na actualidade atópanse en tramitación e afectan principalmente ao concello de Coristanco.

Pois ben, a Plataforma recibiu comunicación do Goberno galego de que a empresa sería expedientada após corroborar os feitos denunciados a través de Augas de Galicia e da consellaría de Medio Ambiente. Di o colectivo contra a mina que a Xunta recoñece agora que Edgewater "realizaba sondaxes fóra da legalidade". 

Neste senso, a Plataforma lembra que non é a primeira vez que esta empresa incumpre as normas legais. Sinalan que desde o ano 2001 e ata xaneiro de 2013 "exerceu a súa actividade nunha nave agrícola de Corcoesto sen licenza municipal, contaminando as praderías situadas ao seu carón, con residuos derivados do procesado do material extraido nas exploracións realizadas nos montes da parroquia". Foi a raíz dunha denuncia, tamén presentada polos veciñ@s, como a empresa tivo que pechar este centro de traballo.

Exixen que a Xunta avalíe os riscos de exposición ao radón
 

Pola súa banda, a plataforma Salvemos Cabana reclama da consellaría de Sanidade que avalíe os riscos de exposición ao radón derivados da mina a ceo aberto que pretende explotar Edgewater. Segundo denunciaron nun comunicado de imprensa, a declaración de impacto ambiental aprobada pola Xunta a finais de 2012 "carece" da sinalada avaliación malia que "Galiza en xeral e esa parte da comarca de Bergantiños en particular está considerada de alto risco". 

Tomando en conta que o radón é a fonde máis importante de radiación de orixe natural, o colectivo considera "necesario" que Sanidade "investigue o caso e proceda a emitir o preceptivo informe". Subliñaron que a área afectada mostra "altos niveis" de radón, que oscilan entre o 18% e o 21%.