A Xunta rebaixa a “territorio” a cualificación de “nación” que o Festival de Lorient dá a Galiza

Na páxina oficial do encontro internacional bretón e na web oficial de Cultura da República francesa definen Galiza como “nación de honra” neste festival. A Xunta tradúceo por “territorio de honra”.

“Nation” e “pays”. Nación e país. Esas son as dúas cualificacións que o Festival de Lorient, en Bretaña, emprega con normalidade para se referir a Galiza, que é o país de honra nesta edición da cita do mundo celta máis importante do mundo, que reúne miles de persoas procedentes de diferentes países.

A propia web oficial de Cultura da República francesa recolle que Galiza é a “nación de honra” nesta 49 edición do Festival, que leva realizándose medio século e reúne 4.500 artistas de Irlanda, Escocia, Bretaña, Gales, Cornualles...

Porén, a Xunta parece non gostar deste recoñecemento e, na súa conta oficial, informaba que Galiza é “territorio de honra”, non “nación de honra” ou “país” como a cualifica o Festival, no encontro do mundo céltico. Unha actitude que xa foi reprochada nas redes sociais.