A Xunta realoxa en Salvaterra unha das familias de Vigo en greve de fame

[Imaxe Os Ninguéns]

Ricardo Martínez, a súa compañeira e crianza deslocaranse a unha vivenda social nos "vindeiros días". 

Unha das familias de Vigo desafiuzadas que manteñen unha greve de fame desde a segunda feira diante da Casa do Concello será realoxada nunha vivenda social propiedade da Xunta de Galiza en Salvaterra de Miño. Así o comunicou a administración quen indicou que tamén será beneficiaria do Bono de Aluguer Social promovido polo executivo galego. 

A vivenda sitúase a 40 quilómetros da cidade de Vigo onde residen actualmente 

Ricardo Martínez e a súa familia, na que se inclúe unha crianza menor de idade, aceptaron o inmóbel porque "está adaptadoás súas necesidades", indicou a Consellaría de Infraestruturas e Vivenda após visitar o lugar situado aproximadamente a 40 km. da cidade olívica. 

Xunto a esta familia tamén se atopan outras dúas que serán desafiuzadas sen alternativa habitacional. O goberno galego non conta con pisos de aluguer social en Vigo e o concello, que posúe 15 vivendas na Avenida República Arxentina, non disponibilizou estes inmóbeis, actualmente en venda. 

O Concello de Vigo ten en venda 15 vivendas públicas de luxo que rexeita mobilizar para aluguer social

En conversa con Sermos Galiza, unha das veciñas, Merchi Fernández criticou con dureza a actitude do goberno municipal por se negar a mobilizar os pisos de Rosalía de Castro para aluguer social. "Son vivendas de luxo", subliñou en referencia ás declaracións do alcalde vigués, Abel Caballero. "Podemos adaptarnos moi ben a eses pisos, non sei se eles poderían vivir con 500 euros e non poder pagar os recibos", dixo Merchi. "Tiñan que vivir esta situación", subliña, porque "nos están a abocar á rúa ou a ocupar unha vivenda". E é que "en Vigo hai moitísimas vivendas vacías". 

Esta sexta feira (6 de maio) está fixado o xuízo para determinar a data de lanzamento da actual vivenda da familia de Ricardo e tamén a de Isabel, outra das mulleres en greve.