A Xunta reabre as prazas de touros e os circos

Acto do PP na praza de touros de Pontevedra en xuño de 2020 (Imaxe: Beatriz Ciscar / Europa Press)

O Goberno galego volve permitir desde as 00 horas deste sábado as touradas, os circos, as feiras, exhibicións e os espectáculos pirotécnicos. Tamén dá luz verde á apertura das actividades recreativas.

A Xunta da Galiza publicou na tarde da quinta feira un decreto no Diario Oficial da Galiza (DOG) coas novas normas da desescalada. Unhas medidas que entran en vigor ás 00 horas do sábado.

Malia que a quinta vaga da Covid-19 golpe a Galiza, o decreto dá luz verde ás touradas e outros espectáculos que abeiran as prazas de touros, aos salóns recreativos e os fogos artificiais, que volverán estar permitidos a escasas semanas dos previstos na capital da Galiza con motivo do 25 de xullo.

Ademais, permítese a apertura de parques temáticos e atraccións, aínda que nos concellos con restricións máximas e altas seguirán fechados. Nos resto, poderán realizar a súa actividade ao 50% da súa capacidade e está recomendado que os grupos non superen as 15 persoas.

Tamén se suprimen as restricións no uso dos lavapés, tanto ao aire libre como nas instalacións fechadas, así como os requisitos no uso de flotadores e doutros elementos, pois até o de agora só se permitía o uso individual.

Concertos

Os espectáculos musicais ao aire libre con máis de 1.000 persoas só se poderán celebrar nos concellos coa incidencia máis baixa, xa sexa con público de pé ou sentado. Haberá un novo condicionante: a incidencia acumulada no municipio no propio día do concerto.

Así, de se disparar a incidencia acumulada, a capacidade do evento ficaría limitada a menos de mil persoas. Concretamente, segundo figura no DOG, o día dun concerto de máis de mil persoas a incidencia acumulada a 14 días non pode superar os 150 casos positivos por 100.000 habitantes e ten que estar por debaixo dos 75 casos por cada 100.000 habitantes a sete días.

As celebracións e eventos en estabelecementos de restauración programados para a fin de semana de 10 e 11 de xullo poderán manter o número de participantes previsto con anterioridade.

Concellos afectados

A partir deste sábado, estarán en nivel medio de restricións Pontevedra, Ourense, Culleredo, Ribadavia, Barbadás, Poio, Marín, Redondela, Salceda e Caldas de Reis. Nestes concellos, a hostalaría terá unha capacidade máxima de 50% nas terrazas e de 30% no interior.

En risco alto permanecerán A Illa, Vilagarcía, Vilanova, cambados e Sarria. Nestes municipios, a hostalaría só pode abrir a 50% nos exteriores.