A Xunta promete contratar todo o profesorado que sexa preciso nos IES

Rodríguez, hoxe, na visita ao CIFP A Xunqueira. (Foto: Xunta da Galiza)

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asegurou, nunha visita ao CIFP A Xunqueira, que se adaptarán ás necesidades docentes dos institutos. No entanto, insistiu na instalación de mamparas e na semipresencialidade.

O conselleiro de Cultura, que vén de recuperar hai uns días a titularidade sobre a Consellaría de Educación, Román Rodríguez, comprometeuse onte a contratar a todo o profesorado que se precise para que os centros eductivos poidan dar clase atendendo ás normas sanitarias e de seguridade.

O representante da Xunta respondeu así ás numerosas críticas da comunidade educativa, que non deixan de xurdir desde todos os niveis de estudo e todas as localidades.

Desta forma pretendeu dar solucións ás dúbidas nas que se atopan as instalacións, sobre todo a partir de secundaria, etapa para a cal foi preciso adiar unha semana o inicio do curso.

Nunha visita ao CIFP A Xunqueira realizada este sábado, o conselleiro afirmou que a cifra de docentes coa que poderá contar a secundaria na Galiza coñecerase proximamente, "unha vez fechadas as necesidades de cada instituto e determinados desdobres precisos para cumprir coa distancia de seguridade estabelecida"

Ademais, reiterou a proposta de instalar mamparas protectoras en aulas e talleres.

Outra idea é apostar na semipresencialidade nas aulas para cando as divisións dos grupos non sexan posíbeis  por falta de espazo ou por contar cunha cifra de alumnado que impida manter o metro e medio entre persoas.

Na Xunqueira, acompañado do seu director Rafael Núñez Portela, Rodríguez supervisou as medidas de adaptación que se están acomettendo tales como a instalación de mamparas, sinalética e a reorganización de espazos.