Consello da Xunta

Galiza estenderá a prohibición de usar o teléfono móbil a recreos, comedores e actividades extraescolares

A Xunta falará agora con Anpas e representantes dos centros de ensino. (Foto: Nós Diario)
O obxectivo da Xunta é que a nova normativa entre en vigor en xaneiro.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, vén de anunciar en rolda de prensa que o seu equipo de goberno acordou, na súa reunión de hoxe, estender o veto ao uso de teléfonos móbiles por parte do alumnado en todos os centros de ensino —colexios e institutos— tamén aos recreos, os comedores escolares, as actividades extraescolares e as entradas e saídas dos recintos, polo que os centros xa non poderán decidir se os permiten ou non nestes ámbitos fóra do considerado período lectivo —aulas—.

Si poderán usarse, unicamente, con fins educativos previa autorización do persoal docente. A Xunta debaterá agora coas Asociacións de nais e pais (ANPA) e con responsábeis dos propios colexios e institutos os pormenores desta medida, que Rueda confía que entre en vigor xa o vindeiro mes de xaneiro, pasadas as vacacións de Nadal. Está por ver aínda se afecta todos os e as estudantes de até 18 anos ou se fican exentos os de entre 16 e 18 anos.

75% dos centros xa o teñen vetado

Na actualidade, 75% dos centros educativos galegos teñen vetado o uso de móbiles para o alumnado en todo momento, segundo os datos facilitados pola Xunta que, agora, pretende unificar o criterio e que a prohibición sexa xeneralizada.

E é que un decreto de 2015 impide ao alumnado empregar o seu teléfono móbil durante as clases, pero deixa en mans das directivas de colexios e institutos permitir ou non que se use durante recreos, horario de comedor ou outros momentos da xornada.

A intención da Xunta é aplicar esta norma o antes posíbel e que poida xa estar vixente coa volta ás clases tras as ferias de Nadal.