A Xunta prohibe a caza en Ourense case unha semana despois de decretar a situación 2
O DOG publica esta segunda feira a resolución da Consellaría de Medio Ambiente.
O Diario Oficial da Galiza (DOG) desta segunda feira, 18 de agosto, publica a resolución da Consellaría de Medio Ambiente pola cal estabelece a prohibición de cazar en Ourense. “Debido ao estado dos incendios forestais foi declarada a situación 2 de emerxencia en toda a provincia de Ourense polo que cómpre determinar a prohibición de cazar en todo o ámbito territorial desta provincia”.
A resolución de Medio Ambiente, porén, chega case unha semana despois de que se declarase a situación 2 na provincia de Ourense, unha decisión adoptada a terza feira da semana pasada, 12 de agosto.
O día despois, 13 de agosto, foi asinada a resolución de prohibir a caza en Ourense. A firma pertence a Tomás José Fernández-Couto, subdirector xeral de Espazos Naturais, que asina por delegación de sinatura da directora xeral de Patrimonio Natural.
Porén, e tal e como se di no DOG, a prohibición será efectiva a partir do “día da publicación no Diario Oficial da Galiza”, ou sexa, 18 de agosto, e e en canto se manteña o nivel 2 de emerxencia ou superior.
A prohibición só afecta á provincia de Ourense polo que a actividade cinexética pode seguir practicándose no resto da Galiza.