A Xunta presume de minaría "sostíbel" entre críticas dos colectivos ecoloxistas

Francisco Conde inaugurou nesta segunda feira unhas xornadas en Compostela (Foto: Xunta da Galiza).
Organizacións ambientalistas e sociais critican que o Goberno galego achegue fondos públicos para a "promoción do 'lobby' mineiro".

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, deu comezo nesta segunda feira, na Cidade da Cultura de Compostela, ás xornadas Minerais estratéxicos para a industria galega, cuxa programación se estende até a cuarta feira.

"A industria e a minaría son dous vectores inseparábeis desde o punto de vista do proceso de sostibilidade cara o que camiñan o tecido produtivo e a nosa economía, polo que temos que, cada vez con maior intensidade, vencellar todas as actividades mineiras á propia industria", apuntou.

Na súa intervención, Conde tamén salientou que a Estratexia de Minaría Sostíbel na que está a traballar a Xunta busca "favorecer a economía circular, acompañar as necesidades do sector industrial e o desenvolvemento da propia minaría e compatibilizar o medio ambiente coa creación de emprego e oportunidades".

Neste senso, incidiu na necesidade de diminuír a dependencia da industria de determinadas materias primas e situar o sector mineiro como un "aliado" para a modernización das principais cadeas de valor.

"Falta de transparencia"

Diversos colectivos sociais e ecoloxistas, como a plataforma Mina Touro-O Pino Non, Cornado Mina Non ou Ecoloxistas en Acción, acusaron o Goberno galego de "esquecer" os seus compromisos sobre o cambio climático ao "achegar fondos públicos para promocionar" nestas xornadas o lobby mineiro, un sector "directamente responsábel dunha emisión de gases de efecto invernadoiro que oscila entre 4 e 7%".

No encontro participaron representantes das empresas promotoras dos proxectos mineiros de Varilongo (Santa Comba), San Finx (ídem) e San Rafael (Touro e O Pino), mais non foron convidadas as organizacións ecoloxistas.

Así as cousas, desde a plataforma de Touro-O Pino lembraron as dúas sentenzas do Tribunal Superior da Xustiza da Galiza que obrigan a Xunta a permitir o acceso aos expedientes das subvencións outorgadas á Cámara Oficial Mineira e a Asociación Galega de Áridos, que terían por obxectivo crear campañas "de propaganda positiva da minaría". O colectivo acusa o Goberno galego de "falta de transparencia" e "desobediencia" dos fallos xudiciais, xa que aínda non os cumpriu.