A Xunta presume de dar cita á mocidade mentres galegas perden quenda polos seus tratamentos médicos

Persoas agardando após recibir a vacina en Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Un colectivo de persoas con enfermidades inmunodepresoras denuncia que está a padecer a falta de sensibilidade do Sergas, que non atende as pautas das súas especialistas respecto a cando se lles poden inocular os fármacos contra a Covid-19.

As e os galegos con enfermidades inmunodepresoras non son tantos como os que foron vítimas do cancro ou os que tiveron algún transplante, por indicar algúns exemplos, e iso está a xogar na súa contra na campaña de vacinación fronte á Covid-19 estruturada pola Xunta. Mentres as e os mozos xa se preparan para adiantar os seus postos, algunha desta xente segue sen atopar encaixe para inmunizarse.

Con independencia de que lle pareza máis ou menos xusto que o Ministerio de Sanidade non os incluíra como pacientes prioritarios para ter o tratamento xa finalizado, agora o problema é outro de compatibilidade de axendas.

Lonxe de deberse a unha cuestión frívola, un pequeno colectivo que falou con Nós Diario indica que cada doenza é particular no ámbito das inmunodepresoras e cada tratamento é un mundo, polo que consideran que o Sergas debería permitirlle escoller as súas citas.

A demanda xa vén de antes, pero agora o enfado cobra máis forza ao ver que a Xunta da Galiza presume de que, cando comece a inoculación nas persoas do grupo de idade de 30 a 39 anos, porá en marcha unha páxina web para que a mocidade de máis de 18 anos poida reservar cita para os ocos que haxa dispoñíbeis.

O grupo tan só pide o mesmo trato. Malia ter motivos de sobra demostrados para ese dereito a unha pronta vacinación dado o seu risco persoal, aceptan ir nas súas quendas pero demandan tramitar cada cita ou, polo menos, que o Sergas teña en conta as recomendacións das súas doutoras á hora de chamalas para acudir aos centros de tratamento.

“Hai xente que ten tratamentos inmunosupresores de continuo ou terapias biolóxicas que debilitan o sistema inmunitario”, destacan a este diario, ao tempo que engaden que para unhas persoas a cita para a inmunización debería ser nun determinado mes e para outras, que por exemplo, teñen pautada unha medicina cada catro semanas a médica pide que a vacina do coronavirus vaia xusto no medio desde lapso temporal.

Unha dose realmente efectiva

“Non é que a vacina nos vaia facer dano pero si que se vería afectada para xerar os anticorpos necesarios” para os que foi pensada de interceder cos fármacos das patoloxías autoinmunes.

Hai galegas e galegos que agora non poden ter a inoculación e outras que si, pero o Sergas non se preocupa de encaixarlles ben a citación por máis que insisten. “Estamos a falar con Medicina Preventiva, co hospital de día... e dinnos que non poden facer nada porque as listas lles chegan feitas desde Santiago”, lamentan.

Dispoñen das recomendacións das especialistas pero estas non tramitan a advertencia á Consellaría de Sanidade, polo que todo o traballo burocrático recae en persoas con dificultades de saúde e, nalgúns casos, mesmo de mobilidade. Pero ao outro lado ninguén lles da unha resposta para poder contar co tratamento contra o virus ao igual que o resto da poboación.

Pensan que se debe a que son poucos pacientes e cada unha coas súas propias particularidades, o que non lles fornece forza como colectivo para protestar activamente contra a forma de actuar do Servizo Galego de Saúde.

Rexeitan renunciar á estabilidade coas súas terapias

Ademais de solicitar aos colexios e ás sociedades médicas que fixen un protocolo para que lles escriban documentos acreditativos da situación para ter algo a maiores, exixen á Xunta que lles deixe solicitar a súa cita para cando conveña igual que farán coa mocidade a principios de xullo.

Como exemplo poñen o caso dunha persoa que non foi na súa quenda de idade e xa foi chamada cinco veces na “repesca que se está a facer agora” e que explicou a súa situación. Dixéronlle que tiñan apuntadas as recomendacións médicas que ela mesma facilitara nunha desas chamadas, pero que non podían facer nada. E, ao final, semella que non queren vacinarse e viven con impotencia a falta de entendemento ou empatía.

Malia recoñecer que poderían paralizar o seu tratamento para vacinarse, atrasando todo e arriscando a súa saúde, pensan que non é xusto. Alegan que é difícil acadar a “estabilidade” das enfermidades coas terapias que teñen prescritas -ás que chegan por “acordo de varias especialidades, porque en xeral acaban con máis dun problema”- e cando xa a teñen queda a opción de incluílas na axenda cando recomendan as súas doutoras e doutores.

Pensan que sería a fórmula máis lóxica para que tanto o tratamento da Covid-19 coma o outro poidan convivir sen ir en detrimento da saúde de ninguén.