A Xunta prepara unha modificación dos CIM que prevé maior carga de traballo sen ampliar persoal

Susana López Abella no CIM de Compostela [Imaxe de arquivo / Xunta de Galiza]

Aberto o período de alegacións, profesionais dos centros critican que se tivesen "deturpado" as súas demandas e reclaman maiores dotacións.

A Xunta de Galiza está a tramitar o proxecto de Decreto polo que se estabelecen os requisitos e o procedemento para o recoñemento, modificación e extinción dos Centros de Información á Muller (CIM), uns órgaos de carácter municipal creados en 2004 co obxectivo de se tornaren nun espazo de referencia para as mulleres e de fornecer información e acceso a servizos vencellados con elas. 

O decreto prevé que os CIM sexan referenciais para a atención do colectivo LGTBi

A proposta presentada pola Xunta prevé ampliar as competencias e áreas de traballo destes centros, nomeadamente após a entrada en vigor da Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais na Galiza. Porén, tamén recolle a posibilidade de se extinguiren de ser asumidas as súas tarefas "no mesmo ámbito territorial" por "entidades locais que non sexan concellos ou que se estabelezan ao abeiro dun convenio de colaboración entre dúas ou máis entidades". Neste senso, advirten as profesionais, podería producirse unha "externalización" dos mesmos. 

As crianzas e persoas dependentes a cargo dunha muller en situación de violencia machista serían atendidas tamén polo CIM

Para alén disto, o proxecto de decreto prevé a ampliación das competencias dos CIM para que sexan estes centros os que asuman a atención, non só das mulleres en situación de violencia machista, senón tamén a das crianzas e persoas dependentes ao seu cargo, co obxectivo, defende o texto de "reducir o impacto negativo que a situación de violencia produce nestas persoas". Porén, o documento presentado pola Xunta, através da Secretaría Xeral de Igualdade, non prevé novas dotacións económicas nen a obriga de contratar un maior número de profesionais para que asuman o aumento da carga de traballo. 

As profesionais demandan máis persoal 

Neste senso, fontes consultadas por Sermos Galiza, lembran que na Comisión non permanente de igualdade decorrida no mes de maio de 2015 representantes dos cadros de persoal dos CIM expuxeron ás forzas con representación parlamentar a necesidade de contar cunha maior dotación de recursos humanos pois, desde a súa creación, contaban practicamente co mesmo número de persoas embora foran vendo incrementar os casos que recibían en tanto que centros de referencia para o tratamento integral da violencia machista. Aliás, o decreto de 2004 fixa como persoal mínimo unha persoa especializada en Psicoloxía e unha para proporcionar asesoría xurídica sendo que na maior parte dos concellos, nomeadamente nos máis pequenos, son as únicas que compoñen o servizo. Asemade, unha desas persoas asume polo xeral as tarefas de dirección do CIM. 

O persoal dos centros reclama maiores recursos humanos e a incorporación de novos perfís profesionais

Destarte, demandaron a introdución de mudanzas legais para mellorar o funcionamento deste servizo, a comezar por desligar este duplo labor e incorporar novos perfís ao cadro de persoal á fin de garantir unha boa calidade no tratamento dos casos como profesionais de Traballo Social ou de Educación Social, para alén de se axustaren á ratio poboacional que cubren, isto é, máis profesionais canto maior número de poboación abranga a área territorial na que se asentan. 

Así as cousas, o proxecto presentado polo goberno non contempla estas indicacións e, en troca, incorpora novas atribucións ás competencias que xa posúen os CIM. 

No correo electrónico que remitiu a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza con data do 30 de marzo estabelece un prazo de 15 días hábiles para que se presenten alegacións ao proxecto.