A Xunta pregunta á cidadanía como xestionar a illa de Ons

Un aspecto da illa de Ons

Quince anos despois da súa declaración como Parque Nacional Illas Atlánticas, dentro do cal tamén se atopan os enclaves de Ons e Onza, a Consellaría de Medio Ambiente abriu o pasado 21 de novembro un prazo de 20 días hábiles para veciñanza, colectivos e entidades enviaren as súas propostas á hora de conformar o Plan Reitor de Usos e Xestións (PRUX).

O documento de inicio deste plan pode consultarse na Xunta en Pontevedra e en Santiago, así como na web de Conservación da Natureza.

 

Nun primeiro momento, espérase que as confrarías -que teñen no entorno de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada a súa principal zona de traballo- fagan o primeiro movemento con vistas a crear e promover conxuntamente ese PRUX. Foi a súa oposición directa ao anterior borrador, tramitado entre 2011 e 2012, a que obrigou a Xunta de Galicia a postergalo. Agora, agárdase que o consenso entre ambas permita a creación dun novo borrador.

 

Un dos asuntos que fixo naufragar aquela proposta de PRUX foi a delimitación de zonas de reserva, nas que non se permitía ningún tipo de actividade pesqueira, ben como outras en que non se podían empregar certas artes de pesca. Neste sentido, as confrarías non parecen modificar a súa opinión. A posibilidade de que se puidesen voltar a ver estas restricións sobre o papel, máis que probabelmente botarían abaixo todo o proxecto.

 

O plan atópase aínda nunha fase moi temperá, e o exposto ao público situaríase coma un documento de inicio de trece folios que recolle unha especie de declaración de intencións e ideas que a Xunta pretendería levar a cabo nun futuro a curto ou medio prazo. No texto exponse unha mostra descritiva das illas, ben como unha posta en valor das mesmas. Quer Ons quer Onza están dentro da Rede Natura 2000, e a Rede Ospar de Áreas Mariñas Protexidas. Aliás, está en trámite a documentación para que posúan a etiqueta de espazo Ramsar, de especial interese para as aves.

 

No documento faise un chamamento á preservación da biodiversidade, e pretende evitar as tensións coas actividades pesqueiras e turísticas no ámbito dos diferentes arquipélagos. Sobre o de Ons en particular, sinálase que as illas son un Parque Nacional para “protexer unha das mellores mostras dos ecosistemas ligados ao océano Atlántico”. Recóllese a importancia que posúe para a frota artesanal esta contorna, mais deféndese a aplicación dunhas medidas concretas, aínda por definir á espera das diversas propostas que poidan xurdir nas próximas semanas, para lograr un aproveitamento “sustentábel” de todos os recursos, para que as illas e a súa natureza perduren por varias xeracións. A Xunta dá a entender que non ten en mente a supresión da pesca, pero algunha medida si que se redactará.

 

Canto a área de conservación de recursos naturais e culturais, matízase que se achegarán medidas que minimizarán o impacto humano. Tendo en conta os recentes feitos do verán pasado, coa chegada masiva de turistas as Cíes e toda a polémica xerada, este supón un punto de gran interese. Tamén se expón que “toda visita debe ser regulada para asegurar a conservación deste fráxil lugar”. Cabe dicir que esas medidas si se levan a cabo en Cíes, por exemplo, cun número de visitantes máximo, mais en Ons non existe tal réxime.

 

No curto prazo, a consellaría acometerá durante o que resta de novembro e principios de decembro unha serie de reunións cos colectivos afectados, e proximamente dará a coñecer un novo rascuño. O presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra, José Antonio Gómez, sinala a existencia dun recente estudo sobre a dependencia socioeconómica da frota pesqueira que traballa na contorna do Parque Nacional. O amentado documento fai referencia a un traballo feito conxuntamente polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALSP) das rías de Pontevedra, Arousa e Vigo, e coordenado pola federación provincial. As conclusións deste serán, previsiblemente, incorporadas ao PRUX.