A Xunta pon en mans privadas a certificación do coñecemento de inglés no ensino

A Consellaría de Educación impulsa unha nova privatización na certificación do coñecemento do inglés. É a denuncia que fai CIG_Ensino, que lembra que até o de agora o profesorado galego tiña ao seu dispor as Escolas Oficiais de Idiomas para certificar os coñecementos de inglés. “Porén, a administración anuncia que este ano serán empresas privadas as que leven a cabo esta certificación, iso si, usando o persoal do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) para a súa xestión, o que xa roza o esperpento”.

 

O sindicato nacionalista advirte que esta certificación “non cumpre cun mínimo de calidade pois limítase a avaliar as competencias orais, “mentres que nas probas das Escolas Oficiais certifícase o nivel de xeito global, nas súas catro destrezas comunicativas: falar, escoitar, ler e escribir”.

 

CIG  insiste en que a formación do profesorado non pode ser unha forma de financiar empresas privadas, “máis aínda cando as EOIs teñen entre as súas funcións expresas levar a cabo esta formación”.