Galiza precisa habilitar 130 camas máis en UCI para pasar á seguinte fase de desescalamento

Imaxe dunha unidade de coidados intensivos (Europa Press)

Segundo os requisitos fixados polo Ministerio de Sanidade, os diferentes territorios deberían dispoñer ou ter capacidade para instalar nun prazo máximo de 5 días entre 1,5 e 2 camas de coidados intensivos por cada 10.000 habitantes.

O Bolétín Oficial do Estado (BOE) publicaba este domingo a orde para consensuar coas comunidades autónomas as fases de desescalamento do confinamento derivado da pandemia da COVID-19.

Os territorios terán que cumprir cuns requisitos e medidas mínimas en materia de sanidade pública para que unha provincia (unidade base fixada até agora para a desescalada) poida pasar dunha fase a outra.

O Ministerio de Sanidade exixe, neste sentido, ás diferentes autonomías que nun prazo máximo de 5 días poidan ter entre 1,5 e 2 camas de coidados intensivos por cada 10.000 habitantes.

En que se traduce isto no que atinxe a Galiza? Actualmente, e segundo dados da propia Xunta, na Galiza hai 274 destas camas. Son 114 máis das que había antes da pandemia mais continúan a ser insuficientes para atender os requisitos establecidos para poder avanzar nas fases de desescalamento.

Estas 274 camas non chegan a ese mínimo de 1,5 camas UCI por cada 10.000 habitantes. Ao sermos dous millóns setecentos mil habitantes iso implica que a cifra de camas de coidados intensivos para cumprir coa ratio fixada por Sanidade ten que ser 405, o que supón 131 máis das existentes na actualidade.

O número de prazas das UCI galegas está en 274. Se ao comezo da epidemia do coronavirus a cifra de camas habilitadas nestas unidades era de 160. Esas novas camas proceden das seccións de reanimación, unhas áreas con menor actividade a consecuencia da cancelación de operacións e cirurxías para facer fronte á pandemia.

 

Por baixo da media estatal

A cobertura das unidades de coidados intensivos da Galiza está por baixo das necesidades da súa poboación. Mentres o Estado español sumaba a finais de febreiro 4.044 camas UCI, 3.058 na pública e 896 na privada, o que representaba 8,28 prazas por cada 100.000 habitantes a cifra reducíase na Galiza a 5,92 prazas por cada 100.000 habitantes. A fenda é tamén moi elevada en relación a nacións como Alemaña, con 29,2 camas por cada 100.000 habitantes, Italia con 12,5 camas por cada 100.000 habitantes ou Francia con 11,6 camas por cada 100.000 habitantes.

“A Consellaría de Sanidade diminuíu o número de traballadoras en 1.325 persoas e o número de camas en 970 a respecto de 2009”, detalla o médico de Atención Primaria e portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Compostela Xosé Dios, que analiza nun estudo, ao que tivo acceso Nós Diario, as políticas sanitarias do presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo. “Se ben nos últimos dous anos aumentou o orzamento en sanidade, comparado con 2009 temos 1.000 millóns de euros menos”, afirma o doutor.