A Xunta de Persoal Docente esixe o cese inmediato do Xefe Territorial polo sucedido en Oleiros

Tamén pide que que se aclare se aclare a actuación da inspectora no caso da dirección do CEIP Luís Seoane de Oleiros.

A Xunta de Persoal da Coruña, que é o máximo órgano de representación do profesorado do ensino público na provincia, aprobou por unanimidade solicitar o cese do Xefe Territorial de Educación, Indalecio Cabana.

Tamén aprobou pedir que se abra a corresponde investigación sobre a actuación da inspectora do centro  no referido ás presuntas coaccións sobre a directora do CEIP Luís Seoane de Mera- Oleiros. 

A CIG-Ensino considera que unha persoa “cun comportamento tan impresentábel e caciquil como o que vén de amosar o Xefe Territorial da Coruña non pode estar á fronte, como cargo político, dun posto de representación”.

A central entende que coa dimisión forzada da directora o que se pretende é desviar a atención das responsabilidades que lle corresponden á administración, por ser quen contrata as empresas de transporte.

A CIG-Ensino, así como todos os demais sindicatos con representación na Xunta de Persoal da Coruña, consideran moi grave que o Xefe Territorial recorrera a unha acusación de “perda de confianza” cando resulta totalmente inadecuada "porque un cargo directivo ten que merecer a confianza dos órganos de goberno dos centros, claustro e consello escolar, non de cargos políticos".