A Xunta de Persoal do CHUS convoca unha mobilización o día 23 polo expediente de Fátima Nercellas

A doutora Nercellas foi convidada o 9 de febreiro ao Parlamento polo BNG, que preguntou ao Goberno galego polo seu expediente (Foto: Arxina).
O colectivo de traballadoras e traballadores, aliás, lamenta a "omisión do lexítimo dereito á información" en relación aos expedientes abertos na Xerencia, á que lle solicita unha reunión formal.

A Xunta de Persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) vén de solicitar unha reunión coa Xerencia da área sanitaria para obter información sobre os expedientes de sanción abertos aos profesionais de dita Xerencia, unha petición da que, afirma o colectivo de traballadoras e traballadores, "a día de hoxe non hai resposta".

No escrito, a Xunta de Persoal lamenta a "omisión do lexítimo dereito á información": "Non fai falta ser entendido en Dereito para decatarse axiña de que se está a vulnerar a Lei 9/1987, artigo 9.3, que recoñece o dereito da Xunta de Persoal de ser informada das sancións".

Tamén se estaría a incumprir o artigo 11.c da citada lei, "que consiste en escoitar á Xunta de Persoal nos expedientes disciplinarios aos que puidesen ser sometidos os seus membros".

Fan alusión, deste modo, á sanción imposta recentemente á doutora do CHUS Fátima Nercellas, acusada de "desobediencia" após atender dous pacientes nos corredores de Urxencias e derivalos á sala de Observación, algo que a médica entendeu como unha "represalia" pola súa actividade sindical en Omega.

Esta cuestión tamén a denuncia a Xunta de Persoal, que fala de "persecución á delegada sindical". Nercellas, nunha entrevista concedida a Nós Diario, apuntaba días atrás: "Este é o terceiro intento de abrirme un expediente nos últimos quince anos de actividade sindical, e tamén o que máis lonxe chegou. Nos puntos que leva o expediente vese que é unha represalia. Non puideron facer nada coas miñas declaracións sindicais e quedaron co punto da 'desobediencia' a unhas instrucións básicas, mais non desobedecín, porque din que o paciente, antes de pasar a observación, será valorado por un facultativo nos espazos existentes para iso. Onde mo puxeron? No corredor. E aí o atendín".

Mobilización no Clínico

Por outra parte, a Xunta de Persoal convocou unha mobilización fronte ao Hospital Clínico de Compostela a vindeira cuarta feira, 23 de febreiro, contra as 12 horas.