A Xunta permite batidas de xabaril sen límite de exemplares en perto de 200 concellos a partir desta sexta feira

Xabaril femia xunto aos seus xabatos nun refuxio (Imaxe: Adega).
A medida provisional afecta a 29 comarcas e estará en vigor até o 27 de febreiro de 2022.

As batidas de xabarís sen límite de exemplares e coa posibilidade de cazar crías e femias están permitidas desde esta sexta feira, 27 de agosto, en case 70% do territorio galego. Sen autorización previa e a diario. A medida busca controlar a poboación desta especie e limitar os incidentes que causa sobre a agricultura, a gandaría, os montes ou a propia caza.

A declaración de emerxencia cinexética temporal estará vixente desde até o 27 de febreiro de 2022 en 29 comarcas: Allariz-Maceda, O Carballiño, A Limia, Ourense, O Ribeiro, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, Terra de Trives, Valdeorras, Verín, Viana, Os Ancares, Chantada, A Fonsagrada, Lugo, A Mariña Central, A Mariña Occidental, Sarria, Terra Chá, Terra de Lemos, Arzúa, Betanzos, A Coruña, Eume, Ferrol, Ortegal, Santiago, Deza e Tabeirós-Terra de Montes.

Trátase da segunda vez que a Xunta recorre a este instrumento recollido na Lei de Caza galega, unha fórmula que se aplica de forma provisional e con carácter extraordinario.

A medida esténdese a un total de 198 municipios que supoñen 68,4% da superficie total da Galiza, onde estará permitido abater ou capturar xabarís sen límite de exemplares.

Prioridade para as femias adultas  

Segundo explica a Xunta nun comunicado, dáse prioridade á caza de femias adultas e subadultas. Ademais, os cazadores tamén poderán abater crías e femias seguidas de crías, sempre que exista unha autorización espeical da Dirección Xeral de Patrimonio Natural en aplicación da Lei de Caza.

A declaración da emerxencia cinexética tamén implica a habilitación nas zonas afectadas dunha serie de ferramentas que buscan "contribuír ao control das poboacións de xabaril" como a ampliación dos períodos de caza e a habilitación de días extraordinarios para exercela ou o uso de medios como visores ópticos, detectores electrónicos de paso e cebos de gran ou froitos.

Así mesmo, os propietarios afectados pola presenza de xabarís poderán recibir autorización para realizar esperas para dar caza a estes animais en terreos de réxime cinexético especial, ben eles mesmos ben a través de terceiros.

A Xunta sustenta a súa decisión en que as "circunstancias extraordinarias" fan necesario articular estas medidas excepcionais para "eliminar o risco e reducir o tamaño das poboacións".

Aínda que a declaración se estenderá, con carácter xeral, até o 27 de febreiro do próximo ano, podería quedar suspendida "no seu conxunto ou en parte" no caso de que se constante "que desapareceron as causas" que motivaron a súa aplicación.

Resultados previos

Segundo a Administración galega, a primeira experiencia deste tipo vivida en 2019 en 33 concellos das áreas Betanzos-Eume, Terra Chá, Viana e Deza deixou "bos resultados" cun descenso dos avisos de case 30% a respecto da temporada de caza anterior.

Por tanto, continúa a Xunta, a comisión de seguimento do plan de acción fronte ao xabaril acordou no seu último encontro repetir a experiencia para "minorar" o impacto do xabaril nas 29 comarcas onde se aplicará.