A Xunta paraliza a licitación do contrato de transporte escolar no Courel

Un pai e o seu fillo participan na cazolada contra o novo contrato de transporte escolar (Foto: Cedida).
O Goberno galego tomou esta decisión após as alegacións presentadas polo Concello de Folgoso do Courel e a Anpa do CPI Poeta Uxío Novoneyra.

A Xunta da Galiza decidiu finalmente suspender o prazo de presentación de ofertas para a licitación do contrato de transporte escolar no Concello de Folgoso do Courel.

Este é o resultado de varias semanas de loita da Anpa do CPI Poeta Uxío Novoneyra, que no día de onte, grazas á acción da corporación local, presentaba ante a Valedora do Pobo as súas alegacións á proposta da Consellaría de Educación. Desde a pasada sexta feira, o alumnado atopábase en folga en sinal de protesta.

Exixían a anulación ou modificación do prego de forma que se mantivesen as seis liñas actuais "para non prexudicar ao alumnado", e que se primase a contratación de empresas e taxistas autónomas locais a fin de que puidesen manter a súa principal fonte de ingresos.

Tamén denunciaban que o novo contrato contemplaba a supresión de "varias paradas", e lembraban que a orografía montañosa do Courel e o largo das estradas podería supor un impedimento para os microbuses que pasarían a xestionar o transporte.

"Mellorar o servizo"

O Goberno galego considera que as reclamacións veciñais "poden ter transcendencia" tanto no proceso de adxudicación como na licitación do contrato.

Após esta paralización, o servizo técnico da Consellaría avaliará a proposta e efectuará as mudanzas precisas nos pregos, para a súa posterior aprobación.

"Queremos ofrecer o mellor servizo nun contrato que estará en vigor os próximos dous cursos, prorrogábel por dous máis", sinalaban onte dende Educación. Esta segunda feira, o conselleiro, Román Rodríguez, mantivo un primeiro encontro coa alcaldesa, Lola Castro.