Educación

A Xunta pagará ao ensino privado até 6.000 euros por aula suprimida

Estudantes dun centro de titularidade privada. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
CIG, CCOO e UXT non subscriben o pacto.

O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Xunta, Jesús Álvarez, asinou esta cuarta feira coas principais asociacións de centros privados da Galiza (CECE, Escolas Católicas e ACES) e cos sindicatos FSIE e USO un acordo para incentivar a recolocación do profesorado nun contexto de baixada de natalidade e do número de matrículas e, como consecuencia, de supresión de aulas e despedimentos de docentes.

O acordo aplicarase xa no vindeiro curso 2023/24 e leva meses preparándose. A pasada sexta feira, 9 de xuño, convocouse unha comisión tripartita —entre a Administración, os sindicatos e a patronal— para presentar o documento final e a sinatura concretouse esta cuarta. Ao acto asistiu o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez.

Un dos puntos de maior calado no documento estabelece que a Xunta compensará os titulares dos centros que teñan que reducir unidades até un máximo de 6.000 euros por cada aula que supriman, para facer fronte ás indemnizacións por despedimento. O outro gran alicerce do texto é o estabelecemento dunha "bolsa de recolocación" para aqueles docentes que perdan o seu emprego a partir do 31 de agosto de 2023. Será sempre que tivesen un contrato indefinido —non ampara as e os substitutos— e contemplado no réxime de pagamento delegado, cunha antigüidade mínima de dous anos e con 12 ou máis horas lectivas á semana. Tamén inclúe profesores cooperativistas.

Este acordo de recolocación aplicarase a partir de setembro naqueles centros privados concertados galegos que vexan modificado o número de aulas concertadas coa Administración, pero sempre por causas non imputábeis ás propias empresas titulares dos colexios. Para entrar nas bolsas de emprego, os titulares dos centros educativos deberán remitir á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Xunta os datos do persoal afectado entre os días 1 e 15 de setembro, malia que debe ser con autorización do propio traballador.

De feito, cando un colexio bote man da bolsa, incrementarase o pago do concerto en cinco horas semanais se a persona contratada é a 25 horas lectivas semanais, e en tres se se contrata a máis de 12 horas semanais. Iso si, acudir á bolsa só é obrigatorio para centros que reclamen a achega de 6.000 euros por parte da Xunta. Para o resto, tal e como recolle o texto con carácter xeral, é "preferencial".

CIG, CCOO e UXT, en contra; FSIE e patronal, a favor

Só FSIE (Federación de Sindicatos Independentes de Ensinanza) e USO (Unión Sindical Obreira) ratificaron este acordo que rexeitan CIG, CCOO e UXT. Ao seu xuízo, "non dá garantías aos traballadores" nin "asegura a súa recolocación", á vez que "só beneficia a patronal" porque supón "o uso de diñeiro público para subvencionar as indemnizacións por despedimento".

Porén, o secretario xeral de FSIE na Galiza, Rodolfo Castro, asegurou que o documento pactado non é unha proposta "extraordinaria", mais "é mellor un acordo que ofrecerlle aos traballadores que seguir na nada máis absoluta". Os sindicatos contrarios ao convenio defenden que "non dá garantías aos traballadores" nin "asegura a súa recolocación", á vez que "só beneficia á patronal".

E a patronal, pola súa parte, celebrou o acordo, se ben considera que é un "pequeno parche", en palabras de Miguel Filgueira, de ACES. En termos semellantes pronúnciase Belén Rodríguez, asesora xurídica da CECE na Galiza, quen coincidiu en que "non é o acordo" que lles "encantase", mais "non é un mal acordo".