A Xunta ordena o peche do centro de día de Carnota após vulnerar un convenio que expira en 2015

[Imaxe: SG]

O Concello denunciou o consorcio de Benestar pola decisión de transladar este servizo a Muros sen aparente razón obxectiva. Era a única instalación pública destas características entre Cabana de Bergantiños e a Serra de Outes.


A consellaría de Benestar vulnerou o convenio que debera ficar vixente até 2015 e ordenou o peche do centro de día de Carnota, único servizo destas características ofertado na comarca e que atendía idos@s desde Cabana de Bergantiños até a Serra de Outes e que funcionaba desde 2006. O centro será transladado a Muros.

O Concello de Carnota interpuxo un recurso contencioso-administrativo contra o Consorcio de Benestar por rachar "de maneira unilateral" co convenio. Alega a Xunta que as instalacións muradás están sen estrear e dispoñen dun maior número de prazas, namentres o emprazamento actual "ten graves deficiencias". O Goberno local, encabezado polo nacionalista Ramón Noceda, informa de que Muros só dará cobertura a "apenas media ducia máis" de usuari@s, causa que non xustifica "o dispendio nun novo centro nin a clausura doutro existente".

O PP non gosta das instalacións que no seu día, cando se abriu o centro de día durante o goberno bipartito, "impuxo", pois daquela o rexedor municipal era o popular José Oreiro e foi o Concello quen escolleu a ubicación e fixou as condicións en que se prestaría o servizo. Malia que no convenio asinado non se estabelece a posibilidade de o rescindir de maneira unilateral, a lexislación da Administración pública si contempla esta posibilidade. Porén, Goberno local e comité de empresa o que reclamaban era a paralización cautelar do translado namentres non se resolvese o recurso contencioso-administrativo.

Non é o primeiro centro dependente de Benestar que pecha as súas portas namentres entidades relixiosas como Esclavas de la Virgen Dolorosa de Crecente acaparan os convenios da consellaría para deixar en mans privadas a prestación deste servizo.