A Xunta, obrigada a fechar de maneira cautelar un centro de ensino privado en Monforte de Lemos

Un centro de educación infantil galego. (Foto: Europa Press)
O edificio presenta graves deficiencias estruturais.

A Consellaría de Política Social decretou o feche cautelar inmediato da escola infantil San Vicente de Paúl, situada en Monforte de Lemos e xestionada por unha entidade privada.

Fontes do departamento galego confirmaron a Europa Press a decisión, que se produciu tras a inspección que levou a cabo debido á denuncia rexistrada pola familia dun dos menores matriculados.

A proposta de feche tras a inspección -que sempre se efectúa cando se produce unha denuncia- débese a graves deficiencias nas instalacións do centro, algunhas de tipo estrutural.

Até o de agora un total de seis crianzas de entre dous e tres anos eran usuarias do centro.

As familias foron notificadas do feche, que ten un carácter inmediato e indefinido, e as crianzas afectadas serán recolocadas nas outras dúas escolas infantís que funcionan en Monforte, unha municipal de xestión privada e outra pública.

Feche de centros de ensino públicos

Entre 2009 e 2021 fecharon 13% dos centros que integran a rede pública galega de ensino mentres que nese mesmo período só tivo que botar o fechamento o 6% dos da rede privada.

Despois desta década, a educación privada presenta, así, un peso maior no conxunto do ensino na Galiza que antes da volta ao poder do PP en 2009.