A Xunta non recúa: manterá o ''apartheid educativo'' pagando centros privados que segregan

[Imaxe de arquivo: SG]

Ao defender unha proposición non de lei debatida en Comisión, o deputado de AGE Ramón Vázquez recordou aos e ás homólogas do PP --única formación que votou contra a supresión deses concertos-- que a consellaría está a cometer "unha dupla ilegalidade" ao os manter.


"O que vostedes pretenden e pór a súa ideoloxía por riba da decisión das familias" namentres o Goberno galego aposta na "liberdade das familias" e no "ideario dos centros". Así, atacando á oposición por se posicionaren contra o financiamento con diñeiro público dos colexios privados que separan o alumnado en función do sexo.

Foi como o deputado do PP Román Rodríguez escusou o apoio d@s conservador@s aos devanditos concertos, rexeitando non só o seu carácter ilegal senón tamén a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que exixe a súa cancelación, pois entende Rodríguez que "as sentenzas evolucionan en función das maiorías sociais".

Un "apartheid educativo" pagado con cartos públicos

A resposta de Román Rodríguez, defendendo o ideario de centros privados de corte abertamente relixioso ao estaren vinculados ao Opus Dei, chegou durante o debate en Comisión dunha proposición non de lei presentada polo grupo parlamentar de AGE e defendida polo deputado Ramón Vázquez. Cualificou os concertos de "apartheid educativo" e definiunos como "unha práctica enfermiza superada hai máis de 40 anos", enfatizando que "a liberdade de escolla non pode nunca incluír a vulneración de dereitos individuais". 

Con todo, o posicionamento por parte do PP e do Parlamento galego non era o que adoptou Román Rodríguez. Na súa proposición non de lei, Vázquez explicou a "ilegalidade por partida dupla" que está a cometer a Xunta ao destinar diñeiro público --3 millóns ao ano-- a eses cinco centros privados: dunha banda porque se vulnera a sentenza do TSXG que os declarou ilegais e, da outra, porque a maneira en que a consellaría de Educación quixo esquivar a resolución xudicial "tamén é ilegal".

Así, o departamento de Jesús Vázquez suprimiu os concertos no primeiro ciclo e mantívoos no resto de níveis educativos, cando as unidades concertadas deben ser "ou todas ou ningunha". Após espetar ás bancadas do PP que "as sentenzas non din que non poida haber un centro que segregue nin que as familias non poidan enviar alí os fillos, o que din é que non poden recibir diñeiro público", sinalou que a intención da proposición era instar a Xunta a non renovar ningunha unidade concertada. 

A achega de AGE contou cos votos a favor de PSdG e BNG. A deputada da formación frontista Carme Adán aproveitou a súa quenda de intervención para ironizar sobre "a coherencia do PP" ao apoiar o financiamento público de colexios do Opus porque "no PP entenden que hai persoas superiores e inferiores en función do seu sexo ou do seu poder adquisitivo" e continuou explicando que "cando din liberdade aproban leis mordaza e cando din igualdade pagan colexios que segregan". Os sete votos en contra @s deputad@s conservador@s con representación na Comisión de Educación vetaron a proposición e blindaron os concertos.