Vitoria do movimento cívico

A Xunta non pode coa defensa do Monte Pituco

Un aspecto do balcón da Ría

O polígono Marín-Pornedo nunca ocupará o Monte Pituco, no concello de Marín. Xa non. A Asociación Monte Pituco vén de gañar a primeira sentenza pola defensa deste terreo, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarara firme a resolución xudicial que ordena a exclusión desta zona do Plan Sectorial de Ordenación de áreas Empresariais de Galicia. 

A asociación Monte Pituco foi a responsábel de levar até a Xustiza o proxecto que Xunta e concello de Marín daban por bon. O colectivo botou tres anos loitando contra o plan, e solicitou, hai unhas semanas, a execución inmediata da sentenza, o que implicaría que o ente autonómico teña que modificar o Plan Sectorial para anular a infraestrutura prevista. É a primeira vitoria xudicial que consegue a asociación; agora, están pendentes da segunda, que implica o Goberno local e que carga contra o PXOM no que define a superficie do lugar como chan industrial. O lugar é coñecido por moita xente coma “o balcón da ría”.

 

O TSXG, após as probas presentadas, considera que a viabilidade ambiental da obra proxectada no monte Pituco non está xustificada dadas as características orográficas do terreo, e polos danos irreparábeis que provocaría quer a nivel físico quer natural e paisaxístico. 

 

O veredito final tamén alude o informe de sustentabilidade ambiental do PXOM e asegura que a elección deste espazo non está, realmente, xustificada, sendo que nas Directrices de Ordenación do Territorio se estabelece que para a creación dun chan industrial prima a prevención dos seus posíbeis efectos sobre o medio fronte á mitigación ou compensación dos impactos. O informe pericial topográfico foi fundamental para a defensa, pois demostraba que 43% do espazo afectado tiña unha pendente moi abrupta (superior a 25 por cento), alén de outro 29 por cento de terreo cun gran desnivel (entre 15 e 25 por cento). Polo tanto, a área empresarial de Marín- O Pornedo non ten cabida no Pituco.

 

É a primeira vitoria xudicial que consegue a asociación; agora, están pendentes da segunda, que implica o Goberno local e que carga contra o PXOM

 

A asociación fixo público nun comunicado o benestar que lle produce a sentenza, e asegurou que “seguirá reivindicando ante a Comunidade de Montes de San Xulián, o Concello de Marín e a Administración que se poñan en valor os recursos naturais, paisaxísticos, patrimoniais e culturais desde espazo, ademais de combater enerxicamente os intereses políticos, económicos e especulativos proclives á destrución e ao abandono do balcón da ría”. E engaden que “o tempo, sempre, pon cada un no seu lugar. Neste primeiro asalto, os pro-polígono xa teñen o seu: o da derrota”.

 

Agora que o Pituco non pode albergar polígono algún, o chan non pode clasificarse como área empresarial, e Marín pon en perigo un dos seus plans a hora de obter novo solo industrial, necesario para o crecemento de novos complexos. A Corporación local terá que se pór de acordo para buscar unha nova ubicación, algo que no pasado xa produciu fortes enfrontamentos entre os diferentes partidos locais, a veciñanza e a alcaldía. Durante as negociacións previas ao actual PXOM, a catalogación do terreo supuxo a crítica da oposición, BNG e PSOE, contra os populares, con María Ramallo ao fronte. As protestas no seu día, por parte da propia veciñanza chegaron a ser tan extremas, que se tivo que restrinxir o acceso aos plenos.

 

No pasado, A Brea e Vista Alegre foron os espazos pensados para albergar o novo polígono, mais a oposición veciñal fixo que o proxecto recaese sobre o Monte Pituco, deixando Pastoriza incluído na memoria (non está definido como chan industrial) e deixando a porta aberta a unha cualificación futura, agora máis posíbel que nunca ante a posibilidade de a sentenza final obrigar o Goberno local a modificar o PXOM.