crise dos pellets

A Xunta non mobilizou os medios propios, con competencias ambientais, na crise dos pellets, asegura a CIG

Limpeza e recollida de pellets na praia de Patos, en Nigrán (comarca de Vigo), o 15 de xaneiro. (Foto: Adrián Irago / Europa Press).
A CIG asegura que no colectivo de persoal funcionario da Xunta hai 107 axentes; dous axentes ambientais; dous axentes ambientais coordinadores; 19 axentes territoriais e 35 axentes zonais. E no colectivo de persoal laboral, 63 peón forestal; tres técnicas ambientais; 15 técnicas superiores ambientais e 98 vixiantes de recursos naturais.

Un mes despois de que a Xunta da Galiza coñecera a chegada dos pellets ás praias galegas “non ten mobilizado ningún medio propio (a maiores do habitual nesa zona en calquera época do ano) para o seu control, coordinación ou recollida aínda que á CIG-Administración cónstalle que o persoal si llo pediu e ofreceuse voluntario”.

Así o alerta a responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, que explica que a Consellaría de Medio Ambiente ten persoal de campo, vixiantes de recursos, peóns e oficiais de recursos naturais e axentes ambientais en todo o territorio. “Máis de 300 compañeiros e compañeiras que no caso de emerxencias ou traballos especiais poden actuar”.

En concreto sinala que no colectivo de persoal funcionario hai 107 axentes; dous axentes ambientais; dous axentes ambientais coordinadores; 19 axentes territoriais e 35 axentes zonais. E no colectivo de persoal laboral, 63 peón forestal; tres técnicas ambientais; 15 técnicas superiores ambientais e 98 vixiantes de recursos naturais.

Xunto a isto, salienta que a Xunta conta con medios e vehículos e que “están preparados”. Matiza que, ademais, no caso das e dos axentes ambientais “pode activarse o período extraordinario cun sistema de gardas, polo que pasan a facer xornadas de 12 horas e poden mobilizarse por todo o territorio”.

Denuncia que, porén, a Consellaría de Medio Ambiente considerou que “non era necesario, ignorando as capacidades do seu propio persoal que poderían ter unha función relevante”, non só no control, senón tamén na coordinación de que as tarefas de limpeza non danaran áreas protexidas, as especies catalogadas ou alteraran zonas de nidificación nestas contornas de alta sensibilidade ambiental. “Ángeles Vázquez na súa batalla política preferiu minimizar a crise ambiental e despois derivar a responsabilidade contra o Goberno español en lugar de mirar para dentro e contar co seu propio persoal tanto técnico como o de campo”.

Contratación de empresas

Burgos engade a isto que “segundo a propia Administración, o persoal da Consellaría do Mar e o persoal da zona da Consellería de Medio Ambiente si fan súas funcións en carteleira e zona habitual, sen activarse ningún reforzo porque non é necesario e non é un Prestige”. Por iso pregúntase entón “para que contratar empresas? Para que fan falla voluntarisd? Para que pedir recursos da Administración do Estado?”.

Zeltia Burgos subliña que ignorar o persoal propio non é a primeira vez que sucede coa Consellería de Medio Ambiente de Vázquez, pois “nos fogos que asolaron a Rede Natura 2000 ou mesmo os Parques Naturais, nestes anos, non activou nin sequera o período de gardas dos seus axentes ambientais (período extraordinario) para contar con maior cobertura de persoal, nin antes nin durante nin despois, para xestionar as posíbeis tarefas de restauración ambiental”.