Política Social rexeita ofrecer a 'Nós Diario' os positivos actuais de persoas traballadoras

A Xunta non informa dos contaxios do persoal das residencias porque "non é necesario"

A residencia das Gándaras, en Lugo, concentra hoxe a meirande parte de contaxios de residentes, 72 (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Desde que a Covid-19 volveu agromar nas residencias do país a comezos de xullo, a Consellaría de Política Social decidiu non seguir ofrecendo os datos de traballadores e traballadoras contaxiadas malia existiren, como é o caso dun centro en Teo.

A Xunta da Galiza deixou de notificar os contaxios das persoas traballadoras das residencias de maiores e de atención á diversidade o pasado mes de maio, ao considerar que, cos avances da vacinación —practicamente a totalidade das profesionais e as usuarias estaban xa vacinadas—, esta información era "innecesaria".

Así llo confirmaron nesta segunda feira a Nós Diario fontes da Consellaría de Política Social, que, pola contra, segue a informar a diario dos positivos de residentes. O 16 de maio, o contador de contaxios nestes centros quedara a cero en todo o país, e non se detectaron novos gromos até o 10 de xullo, con cinco usuarias contaxiadas na residencia García Irmáns de Betanzos. Desde entón, incluída a citada data, non se volveron notificar positivos de persoas traballadoras.

Mais que non se informe deles non significa que xa non existan. As mesmas fontes da Consellaría rexeitaron ofrecer a este xornal os datos actuais de contaxios entre o cadro de persoal das residencias: "Xa non damos esa información, igual que Sanidade tampouco dá conta das e dos sanitarios dos hospitais infectados, porque agora están todos vacinados".

"Tropezamos de novo coa redundante opacidade da Administración de cara ás familias e usuarias das residencias. Os gromos e as residencias afectadas con contaxios na Galiza son moito maiores dos que menciona a Xunta", sinala a Nós Diario o presidente da Federación de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia (Rede), Paulino Campos.

Lembra que o 30 de marzo de 2020 "a Xunta decidiu ocultar o número de falecidos de cada residencia", unhas cifras que hoxe seguen a ser descoñecidas nos centros privados —nos públicos, o Goberno galego informou recentemente de que foron 80 as vítimas mortais, a metade rexistradas en residencias xestionadas a través dun concerto por DomusVi—.

"É vergoñento que un ano e medio despois do inicio da pandemia esteamos así, agochando baixo a alfombra a realidade. É unha actitude fraudulenta porque non só se está a ocultar á cidadanía o número de persoas totais contaxiadas, senón tamén os centros con gromos", engade Campos, quen lamenta o "paso dado por Política Social".

Fechamento dun centro en Teo polo positivo dunha traballadora

A pasada fin de semana, o Complexo Xerontolóxico O Castro (Teo) fechou provisionalmente as súas portas até esta cuarta feira, a fin de coñecer os resultados do cribado ao que foron sometidas traballadoras e residentes. O motivo, un positivo no cadro de persoal do que Política Social, polos motivos expostos anteriormente, non informou.

"Hai certa indignación nas familias porque non tiveron moita información até que a residencia confirmou que tiñan unha traballadora contaxiada", explica o presidente de Rede.

Porén, a directora do centro, Olaia Vázquez, desminte a este xornal esa cuestión de forma rotunda: "Nós sempre tivemos unha información totalmente transparente para todas as familias, enviamos unha circular e quen non a recibiran puideron entrar igualmente o sábado a ver os seus familiares. Decidimos fechar temporalmente polo medo de ter unha traballadora contaxiada, que por sorte é nova e ten a pauta completa da vacina, mais pensamos moito na súa familia e nos nosos residentes. Se fechamos foi porque tiñamos medo de que aquí houbese un gromo da Covid-19 e puidese haber máis contaxios. A nosa prioridade sempre vai ser a saúde dos residentes, eu pasei moitas noites sen durmir pensando en que se puidese estender o virus...".

Aliás, engade: "Durante toda a pandemia fixemos unha boa xestión e conseguimos esquivar o virus, custounos moito traballo sacar adiante esta residencia e non entendemos que se nos difame. Non se pode demonizar todos os centros privados porque non todos somos iguais, hai que ser obxectivos e informar tamén do que se fai ben, porque isto pode facernos moito dano".

Desde a Consellaría, así as cousas, aseguran a Nós Diario que "a Xunta non ordena fechar ningunha residencia, nin con traballadoras nin con usuarias contaxiadas, só insta a extremar as precaucións" con base nos actuais protocolos.

Residentes coa Covid-19

Segundo os datos máis recentes, na Galiza hai 109 usuarios e usuarias infectadas da Covid-19 (unha menos que na xornada anterior) e outras 50 persoas residentes nos centros de atención á diversidade (-1). Os positivos de traballadoras, polo de agora, seguen sen coñecerse.

[Esta información foi corrixida ás 13.49 horas do 31 de agosto de 2021]