A Xunta non descarta fechar Galiza durante a ponte de decembro

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento. (Foto: Xunta)
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou que un posíbel fechamento perimetral da Galiza está "enriba da mesa"

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou que o posible fechamento perimetral da Galiza de cara á ponte da Constitución "está enriba da mesa" do comité clínico, e que "non está descartado", aínda que a decisión aínda "non está fechada".

Así o avanzou o conselleiro este domingo nunha entrevista concedida á Radio Galega, na que lembrou non en balde que ducias de municipios galegos chegarán a esa ponte coas maiores restricións, o que inclúe precisamente a prohibición de entradas e saídas.

Con todo, insistiu en que "está enriba da mesa" o feche do país, igual que o estarán outras autonomías, entre elas Madrid, como no festivo de Todos os Santos. Iso si, Comesaña lembrou que entón Galiza non se confinou.

"E creo que non tivemos grandes problemas", engadiu, coa vista posta en posibles desprazamentos masivos que cheguen en datas previas ao Nadal desde outras comunidades.

Sobre a situación global da pandemia, o conselleiro de Sanidade cualificouna como "positiva", dado que xa hai datos de "certo descenso estábel" en "practicamente todas" as sete áreas sanitarias e os concellos sobre os que o comité clínico "ten algún tipo de observación".

Salvo algunhas excepcións, como os últimos municipios que se engadiron ás restricións máis duras -Moaña, Ribadumia, Meis, Meaño, Cee, Dumbría e Muxía- ou os descensos que "custan un pouco máis" nas áreas de Vigo e Pontevedra-O Salnés, "en xeral hai unha tendencia estable á baixa en toda Galiza", resumiu Comesaña.

Por isto mesmo, o conselleiro de Sanidade volveu apuntar ao alivio destas medidas en Santiago e en Ourense ao longo da semana que entra. Nestas cidades e comarcas os datos "son bos" e "estábeis" non só na incidencia acumulada a 14 días, que está "por baixo dos 150" positivos de Covid por 100.000 habitantes, ou mesmo "por baixo de 100" nalgún caso.