Haberá 'xuntanza de maiores' no Carballiño malia a vaga de calor? A Xunta conta con reunir unhas 2.000 persoas

A xuntanza dos maiores está prevista para este sábado. (Foto: Nós Diario)
As temperaturas achegaranse o sábado aos 40 graos, en condicións semellantes ás que levaron a decretar a alerta máxima até a sexta feira, polo que o Goberno galego non desbota cancelar o evento se o clima así "o aconsella".

A Xunta da Galiza organiza este sábado, 16 de xullo, no Carballiño a 42ª edición da 'Xuntanza de Maiores', unha cita na que se prevé unha grande afluencia de asistentes, mais que está pendente da situación meteorolóxica, por se as elevadas temperaturas aconsellan aprazar a data. Así o explicou o director xeral de Maiores, Antón Acevedo, na presentación deste tradicional evento na delegación da Xunta en Ourense.

Aliás, trasladou que se estima unha participación de entre 1.500 e 2.000 persoas procedentes de todo o país para unha festa que "pretende pór en valor o envellecemento activo e impulsar a oferta de lecer das persoas de máis idade".

A reunión terá lugar no Parque Municipal do concello, onde os asistentes gozarán dunha xornada gratuíta de convivencia e festa que comezará ás 10.30 horas coa chegada dos participantes, para pasar unha mañá de "xogos, coreografía, música e entrega de agasallos tanto a centros como asociacións de referencia".

Ao mediodía desenvolverase o tradicional xantar que estará amenizado cunha actuación musical e despois da comida regresarán as actividades e o tempo de lecer que terminará con concertos a cargo da Orquestra Principal e de Pili Pampín. O evento, que se retoma despois de dous anos sen celebrarse debido á pandemia, porá o punto final ás 19.30 horas.

Pendente da vaga de calor

Esa é a previsión da Xunta de Galicia, pero, con todo, Acevedo avanzou que a Administración está pendente da evolución da situación meteorolóxica para decidir se finalmente poderá celebrarse a edición este sábado, ou se pola contra as elevadas temperaturas aconsellan o adiamento para outra data.

As previsións da Aemet estiman esta terza feira que o sábado os termómetros alcanzarán os 38 graos centígrados no Carballiño, nunha xornada na que apenas haberá correntes de vento.

"O máis importante é a saúde e a seguridade das persoas que desexan participar neste encontro, polo que de continuar coas ondas de calor destes días será máis prudente pospolo", indicou o director xeral.

Así pois, no caso de que as altas temperaturas e as recomendacións sanitarias motiven finalmente o adiamento do festexo, a Xunta comprométese a avisar "con suficiente antelación" ás persoas que xa están anotadas e a facer, ademais, un comunicado público.